Novo ERE en Teleperformance Coruña: paros e mobilizacións o 10 de xuño para defender o emprego
O comité de empresa de Teleperformance na Coruña anunciou a convocatoria de mobilizacións o 10 de xuño en resposta ao novo expediente de regulación de emprego (ERE) anunciado pola compañía.
As mobilizacións incluirán paros laborais de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, así como unha concentración diante das oficinas de Vodafone na praza de Pontevedra, ás 12:00 horas.
Afectación do ERE en Teleperformance A Coruña
O novo ERE supón a perda de 27 postos de traballo no centro de Teleperformance da Coruña, situado no polígono da Agrela. Este centro conta actualmente con 427 traballadoras e traballadores.
A afectación céntrase integramente no persoal adscrito ao servizo de Vodafone, que xa sufriu un axuste importante en outubro de 2023, cando 41 persoas foron despedidas.
Impacto estatal do ERE
A mesa negociadora do novo ERE constituíuse o pasado 30 de maio e afecta un total de 321 persoas en centros de traballo de seis cidades do Estado.
Teleperformance, líder mundial no sector dos contact centers, emprega a 11.000 persoas en España e máis de 138.000 en 47 países. Desde a adquisición do grupo Majorel en 2023, a empresa executou xa catro ERE, dous deles directamente na propia Teleperformance.
Denuncia da destrución de emprego
O comité de empresa denuncia a destrución deliberada de emprego, a pesar dos beneficios millonarios das empresas para as que presta servizo Teleperformance.
Destacan tamén que este sector está altamente feminizado e que a maior parte do persoal afectado na Coruña ten máis de 50 anos e unha ampla experiencia profesional.
____________________________________
Actualización: Imaxes da concentración do día 10 de xuño








Arrinca a negociación do convenio comercio materiais de construción de Pontevedra
Na reunión do 27 de maio de 2025 constituímos a mesa de negociación do convenio do sector, na que ningún sindicato ten maioría, coa seguinte composición: CCOO: 4, CIG: 6 representantes, UGT: 3.
Nesta primeira xuntanza constituíse a mesa, e a plataforma estará en poder da patronal antes da próxima reunión, que se celebrará o 10 de xuño ás 11:00h nos locais de ASEMACO. Ler máis
Lume no convenio do comercio alimentación de Ourense: Folga de 2 días e manifestación
Sabemos que é posible e xusto, entón… por que esta patronal segue a provocar? A patronal mente outra vez.
Presentan unha suba salarial de MISERIA:
- 2025: chega a 18.100€, a costa das subas de 2026, 27 e 28
- 2026: +47€ brutos/mes
- 2027: +47€ brutos/mes
- 2028: +24€ brutos/mes
Non chega nin ao plus de transporte doutras zonas! Queren que cobremos 19.860€ en 2028 cando noutras provincias iso xa se cobra en 2025!!!.
É UN INSULTO!
Por iso faremos:
- Folga de 2 días: Venres 6 e sábado 7 de xuño
- Manifestación: Sábado 7 de xuño ás 12:00 h polas rúas de Ourense
NON IMOS PARAR
Porque temos razón, porque é xusto, porque poden pagalo, porque xa perdemos o medo, porque Ourense está con nós.
Seguiremos loitando polos nosos dereitos e pola nosa dignidade!!
Convenio comercio alimentación Ourense: A patronal non chega
O día 20 de maio celebramos en Ourense a primeira xornada de mediación do Convenio Colectivo Provincial do Sector da Alimentación trala folga.
Tras un primeiro intercambio de opinións, no que situamos o conflito e o punto de partida da mediación, a parte empresarial trasladounos unha proposta económica que segue sen achegarse aos 18.100 euros para o 2025 e aos 19.500 euros para o 2026, cifras que reclamamos para as nosas compañeiras e compañeiros do sector.
Reprochámoslle á patronal que, malia terse vivido unha xornada histórica de folga, continúa sen facer un exercicio de reflexión nin de recoñecemento da realidade laboral que padecemos.
Desde a parte social, e de forma consensuada entre CCOO, CIG, USO e UGT, trasladámoslle unha nova proposta co obxectivo de acadar un acordo digno para todas as traballadoras e traballadores do sector:
2025: 18.100 €
- 2026: 19.500 €
- 2027: Suba segundo o IPC do ano 2026, cun mínimo garantido e un plus de transporte de 80 € en 12 pagas
- 2028: Suba segundo o IPC do ano 2027, cun mínimo garantido e plus de transporte de 80 € en 12 pagas
- 4 sábados de calidade ao ano (1 por trimestre), reducindo así a xornada anual
- Adaptación do convenio á lexislación vixente en materia de contratación, xornada, permisos e licenzas
- 20 % de plus de nocturnidade para as horas traballadas entre as 22:00 e as 06:00
- Axuda escolar de 80 €
- 32 días de vacacións. Un día adicional sobre o actual
Tras un receso para valorar a nosa proposta, a patronal solicitou aprazar a reunión ata o vindeiro venres 23 de maio ás 10:00 da mañá.
Convenio Comercio Metal Pontevedra: Reunións, propostas e próximos pasos
Na segunda reunión de negociación do convenio, celebrada o 19 de maio de 2025, os sindicatos presentamos as nosas plataformas reivindicativas á parte empresarial. Foi unha reunión inicial de toma de posicións na que se abordaron temas clave.
Temas tratados:
- Necesidade de revisar e simplificar as categorías profesionais.
- Actualización dos CNAE aos que se aplica o convenio, para axustalos á realidade actual.
- Adaptación das licenzas e permisos ao marco legal vixente.
A próxima reunión será o 9 de xuño ás 10:00 h, e nela comezará a negociación dos seguintes artigos:
- Artigo 2: Ámbito de aplicación
- Artigo 3: Ámbito funcional
- Artigo 12-15: Licenzas, permisos, excedencias e coidados familiares Ler máis
ÉXITO TOTAL DA FOLGA! O persoal do sector do comercio alimentación de Ourense esixe un convenio digno e a equiparación das condicións laborais
O sector da alimentación na provincia de Ourense vive hoxe unha xornada histórica de mobilizacións. A folga, cun seguimento dun 90%, foi convocada para reclamar un convenio colectivo xusto e a equiparación das condicións laborais. As traballadoras e traballadores decidiron dar un paso adiante para facer visible a súa situación e esixir cambios inmediatos.
A protesta conta cunha ampla participación, evidenciando o malestar xeneralizado ante a negativa da patronal a mellorar as condicións salariais e laborais do persoal. A principal demanda é a equiparación das condicións coas outras provincias, garantindo salarios dignos, melloras nas categorías profesionais e medidas que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.
Desde os sindicatos convocantes destacamos que esta mobilización é un claro sinal de que o persoal do sector non está disposto a aceptar máis precariedade. A mensaxe é clara: "Así non. Convenio digno, convenio xusto, equiparación de condicións".
As organizacións sindicais instamos á patronal a retomar as negociacións con vontade real de alcanzar un acordo que recoñeza o valor do traballo realizado polas persoas empregadas no sector da alimentación. Advertimos que, de non producirse avances significativos, as mobilizacións continuarán e poderían intensificarse nas vindeiras semanas.











La Voz de Galicia: A folga da alimentación de Ourense pecha uns supermercados e enche outros nunha tensa xornada
Concello de Ourense: O goberno municipal apoia a reivindicación de equiparación salarial ao resto de Galicia do persoal do comercio de alimentación de Ourense
Loita polos teus dereitos: Comercio alimentación de Ourense... En folga!!
As persoas traballadoras do comercio alimentación dicimos BASTA XA! Nas asembleas celebradas o 8 de maio decidimos que NON estamos dispostas a seguir soportando a discriminación nas condicións salariais e sociais do convenio en Ourense. Por UNANIMIDADE, acordouse convocar unha xornada de folga o venres 16 de maio de 2025.
Non se pode seguir xogando coa precariedade mentres as empresas da patronal acumulan beneficios escandalosos mentres nós seguimos sendo de segunda.
Cando comeza a folga?
A folga comeza legalmente o xoves 15 de maio ás 22:00 horas, para que tamén poidan sumarse as/os que entren en quenda nocturna. A mobilización manterase durante todo o venres 16 de maio no sector do Comercio Alimentación dos concellos da provincia de Ourense.
Onde e cando reunirse?
Convócase a todo o persoal das empresas afectadas para secundar a folga e reunirse ás 7:30 da mañá diante da Casa Sindical no parque de San Lázaro, desde onde se organizarán os piquetes informativos.
Manifestación
Ás 12:00 horas realizarase unha manifestación que partirá do Gadis de O Couto, percorrendo as tendas da cidade.
A túa participación é fundamental desde primeira hora, así como a asistencia á manifestación. Só coa unión de todas e todos conseguiremos mellorar as nosas condicións laborais.
Desde a representación sindical LEMBRAMOS
- A folga é un dereito fundamental da Constitución e está legalmente comunicada.
- Tes dereito a participar e a faltar ao traballo o día 16 de maio.
- Non existen servizos mínimos obrigatorios neste sector. Se alguén che di o contrario, avísanos de inmediato.
- Non tes que informar á empresa se vas facer folga, nin responder a preguntas dos responsables de tenda sobre a túa decisión. Xa o saberán no momento de secundala.
- Non poden substituírte por persoal doutras tendas ou provincias. Se isto ocorre, denunciaremos a situación.
- O desconto polo día de folga é de 1,4 días de salario segundo a categoría e nómina. Se che falan de cantidades esaxeradas, non te deixes enganar: é para desanimarte.
- A folga é un dereito. A túa participación é imprescindible se queres mellorar as túas condicións de traballo.
- A perda dun día de salario compénsase de sobra coas melloras que entre todas e todos podemos conseguir.
Convenio comercio alimentación Ourense: Asembleas en acción, se a patronal non escoita, responderemos!!
O sector do comercio da alimentación en Ourense está a demostrar que non vai tolerar máis ser tratado como persoal de segunda. Tras anos de salarios estancados no SMI, mentres a patronal presume de beneficios espectaculares, o persoal respondeu con forza e unidade.
O pasado 30 de abril, persoas traballadoras do sector participaron nas concentracións convocadas polos catro sindicatos (CCOO, UGT, CIG e USO) diante dos principais supermercados da cidade: Froiz das Lagoas, Gadis de Concello, Aquié en Dr. Fleming, Froiz de Habana, Plenus Remedios e Gadis do Couto. As protestas foron un éxito rotundo, visibilizando a indignación e a determinación do sector. A resposta do persoal foi masiva, deixando claro que a loita polos dereitos laborais conta co apoio da maioría.
Unha patronal inmóbil ante propostas xustas
Na mesa de negociación, a patronal segue sen escoitar a principal demanda do persoal:
• Salariais: 18.100 € anuais para 2025 e 19.500 € para 2026.
• Resto: Equiparación das mellores condicións do resto de provincias galegas.
En Ourense, queremos e temos dereito a xogar na primeira división.
Asemblea decisiva o 8 de maio
Ante esta situación, os sindicatos mantemos a unidade de acción e convocamos a todo o persoal a unha asemblea decisiva para decidir os próximos pasos e posibles novas mobilizacións:
• Xoves, 8 de maio
• Sala Sindical do edificio de sindicatos, San Lázaro
• Horarios: 11:00 e 18:00
Mensaxe clara da representación sindical
“As concentracións foron un éxito e demostraron que non estamos dispostos a seguir sendo o último furgón de cola”, as organizacións sindicais témolo claro. “Se a patronal non muda de postura, a loita continuará e as mobilizacións escalarán. A dignidade non se negocia”.

















.jpg)





