Con respecto ao problema das persoas traballadoras con alta na empresa posterior ao 17 de marzo de 2020, ás que se lles denegou a prestación de desemprego e, ademais, ao entrar en ERTE teñen que xestionar elas mesmas e individualmente o cobramento da súa prestación, COMUNICAMOS:
Que desde que detectamos o problema o pasado 20 de novembro, traballamos para que desde a Administración, SEPE, se dea unha solución ao problema de desamparo e indefensión en que quedaba a xente afectada por este grave problema.
Que, tras estas xestións, temos coñecemento de que con data do 6 de decembro de 2020, a Dirección Xeral de Traballo emitiu un ditame que soluciona o problema, indicándolle ao SEPE que debe recoñecerse o dereito ao cobramento das prestacións por desemprego ás persoas traballadoras afectadas, aínda que carezan do período de ocupación cotizado mínimo necesario.
Tamén se entende neste ditame que o propio SEPE xestionará, de forma automática e sen necesidade de reclamación previa, a resolución positiva das prestacións que por este motivo fosen denegadas durante as pasadas datas.
Animámosvos a que, se pasados uns días o SEPE non vos comunica esta resolución positiva ao cobramento de prestación, vos poñades en contacto coa asesoría de CCOO para realizar as reclamacións oportunas.
2025 © CCOO SERVICIOS. Aviso Legal | Contacto