CCOO, UGT e CSIF denunciamos a precariedade laboral en Paradores
CCOO, UGT e CSIF denunciamos a precariedade en Paradores e anunciamos mobilizacións. Neste sentido, o vindeiro 7 de outubro haberá unha protesta diante da sede central desta empresa pública, en Madrid. Actualmente, Paradores emprega unhas 5500 persoas en todo o Estado.
Os sindicatos explicamos que a negociación do novo convenio leva catro anos bloqueada, sen avances reais, pola falta de autorización do Ministerio de Facenda. Mentres, a dirección négase a mellorar as condicións laborais e mantén un sistema retributivo desfasado, con soldos de base próximos ao salario mínimo. Porén, a empresa decidiu unilateralmente incrementar en 9600 euros anuais os salarios no Parador de Eivisa, o que a parte sindical considera unha discriminación intolerable.
A precariedade agrávase polas ofertas públicas de emprego con exceso de contratos a tempo parcial e fixos descontinuos, o que provoca entre un 20 e un 25% de prazas desertas. A temporalidade supera con moito o 8% que esixe a UE no sector público.
CCOO, UGT e CSIF reclamamos medidas urxentes. Entre elas, a redución da xornada a 35 horas semanais, consolidación das xubilacións parciais, recoñecemento da antigüidade e melloras salariais. Todo isto nun contexto de récord histórico de beneficios para a compañía (máis de 346 millóns de euros de ingresos e 40 millóns de beneficio neto en 2024) mentres a carga de traballo provoca máis de 123.000 días perdidos por incapacidade temporal.
A hostalarÃa da Coruña mobilÃzase en Santiago contra o bloqueo patronal do convenio, convocada por CCOO xunto con UGT e CIG
26-9-2025.- CCOO, xunto con UGT e CIG, convocamos as traballadoras e traballadores do sector hostaleiro a participar nunha concentración na Praza do Toural de Santiago de Compostela. Reclamamos o desbloqueo das negociacións do convenio provincial de hostalaría da Coruña, que regula as condicións laborais de arredor de 20 000 persoas.
Os sindicatos acusamos a patronal de negarse a incluír melloras e, incluso, de pretender recortes en dereitos xa consolidados, como o complemento por incapacidade temporal.
O sector da hostalaría bate récords de turismo e facturación, pero non melloran os salarios
Mentres o sector rexistra récords de turismo e facturación, os salarios permanecen próximos ao SMI e as condicións laborais apenas melloran. Por iso, CCOO e o resto de sindicatos esiximos unha negociación real con perspectiva social, a actualización dos salarios e, en definitiva, «un convenio xusto e digno».
Amplo apoio social ás protestas do persoal de hostalaría
Esta mobilización chega despois dunha primeira protesta na Coruña coincidindo co Burger Fest, así como da masiva recollida de sinaturas levada a cabo nesa cidade e en Santiago de Compostela. Isto confirma o amplo apoio do persoal ás reivindicacións defendidas por CCOO e os outros sindicatos.
A hostalaría é motor económico en Galicia, pero as condicións laborais seguen precarias
A hostalaría é hoxe un dos principais motores económicos de Galicia, con máis de 73 000 persoas afiliadas á Seguridade Social en agosto de 2025 e un crecemento anual do 2,2 %.
Ademais, no primeiro semestre de 2025, os ingresos do sector hoteleiro galego ascenderon a 165,5 millóns de euros (+4,3 %). Porén, este dinamismo económico non se traduce en melloras laborais: o persoal continúa soportando sobrecargas de traballo, horarios partidos e salarios próximos ao SMI, nun contexto de riscos psicosociais crecente.
O contraste co convenio de Pontevedra: melloras salariais e recoñecemento social
Por último, desde CCOO destacamos o contraste co convenio asinado recentemente para a provincia de Pontevedra, que inclúe unha suba salarial do 7 % para o período 2024-2025, unha cláusula de revisión vinculada ao IPC real e melloras sociais históricas, como o recoñecemento profesional das camareiras de piso, que a partir de 2027 ascenderán de categoría en hoteis de 3 a 5 estrelas.







Lamentamos que o novo récord de turismo en Galicia non se traduza en mellor emprego
Con motivo do Día Mundial do Turismo, CCOO Servizos lamentamos que o novo récord de turismo en Galicia non se traduza en mellor emprego. Os datos dun estudo realizado polo noso sindicato amosan que o verán de 2025 pechou cunhas cifras moi positivas, mais o pulo no sector non veu da man dunha mellora proporcional das condicións laborais. Moi pola contra, as cifras que hai unha maior concentración de traballadores e traballadoras en cada establecemento do sector e unha intensificación das cargas de traballo, coas consecuencias que iso ten a nivel de saúde.
O estudo de CCOO recolle que máis de 1,9 millóns de persoas viaxaron pola comunidade autónoma, o que supón 41 432 visitantes máis que no mesmo período de 2024 (+2,2 %). En paralelo, o sector ocupou 70 870 persoas fronte as 69 260 do ano anterior, isto é, unha suba 1610 traballadores e traballadoras (+2,3 %). Porén, a mellora do emprego prodúcese malia a caída no número de establecementos abertos: en agosto de 2025 funcionaron 1827, fronte aos 1896 rexistrados en agosto de 2024.
Aínda co reforzamento do cadro de persoal, non se conseguiu absorber a sobrecarga derivada do incremento da demanda. As consecuencias recaen especialmente sobre colectivos vulnerables, como as camareiras de piso, maioritariamente mulleres migrantes de máis de 45 anos e con baixa cualificación. Mentres tanto, a rendibilidade hoteleira medrou: en agosto, a tarifa media diaria incrementouse un 6,22 % respecto ao mesmo mes de 2024, o que evidencia que os beneficios crecen canda a precariedade.
Situación dos convenios da hostalaría
No conxunto do Estado, máis de 39 millóns de persoas viaxaron por España este verán, o que supón 949 000 máis que en 2024 e 2,6 millóns máis que no verán previo á pandemia de 2019. Estas cifras amosan que a demanda turística continúa en expansión, pero tamén indican que non se acompaña de melloras laborais suficientes.
O contraste é evidente nas negociacións colectivas. Na provincia da Coruña, o convenio da hostalaría permanece bloqueado desde comezos de ano, o que deu lugar a diversas mobilizacións —a última, o venres en Santiago—. Pola contra, en Pontevedra asinouse recentemente un convenio provincial para 2024-2025 con avances salariais e sociais. A isto engádese o sobrecusto da vivenda en zonas turísticas, que erosiona o poder adquisitivo de quen reforza os cadros de persoal durante a tempada alta.
Reforzar o emprego
CCOO Servizos coidamos imprescindible reforzar o emprego nos picos de actividade para aliviar as cargas de traballo; avanzar cara a un pacto da industria hoteleira que aposte pola calidade laboral, a formación continua e os plans de carreira profesional; e impulsar medidas de sostibilidade social e ambiental que inclúan, por exemplo, taxas turísticas destinadas a financiar servizos públicos en destinos saturados e certificacións de turismo responsable.
Só a través dun modelo sostible, con emprego digno e condicións de vida equilibradas entre residentes e visitantes, Galicia e España poderán manter a súa competitividade internacional e garantir que o turismo sexa un verdadeiro motor de benestar social, conclúe CCOO.
Asinamos convenio na hostalarÃa de Pontevedra: Mellores salarios e novos dereitos
Vigo, 17 de setembro de 2025.– CCOO Servizos asinamos onte o convenio colectivo da hostalaría da provincia de Pontevedra para 2024-2025. O acordo supón un avance histórico para o sector, con melloras salariais, novos dereitos sociais e maior estabilidade para o persoal fixo descontinuo.
O convenio establece unha suba do 7% en dous anos, con cláusula de revisión segundo o IPC, así como permisos retribuídos para o acompañamento médico de fillos/as menores e un novo marco de recoñecemento profesional para camareiras de piso, axudantes e auxiliares a partir do ano 2027.
Tamén incorpora unha regulación que garante maior previsibilidade e ingresos mínimos para o persoal fixo descontinuo, reducindo a estacionalidade e fortalecendo a estabilidade laboral.
Desde CCOO destacamos que esta sinatura supón un paso adiante cara a unha hostalaría máis digna e sostible.












