Archivado en Negociacion Colectiva, Comunicados convenio, Unión Comarcal A Coruña, Accion sindical

Neste sector traballan máis de 22.000 persoas que dependen deste convenio para veren actualizados os seus salarios nun contexto de elevada inflación

CCOO saúda que as empresas «movan ficha» para desbloquear o convenio do comercio vario da Coruña e esixe garantir os salarios


comercio vario coruña

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia saúda que as empresas «movan ficha» para desbloquear o convenio do comercio vario da provincia da Coruña. O sindicato lembra que nesta actividade traballan máis de 22.000 persoas que dependen do convenio para veren actualizados os seus salarios, algo especialmente importante nun contexto de elevada inflación.

Tras a última reunión, que tivo lugar esta semana, comeza a haber avances nas seguintes materias:

— Incremento da licenza de matrimonio ou parella de feito a 20 días.

— Acompañamento de menores (10 horas anuais).

— Mellora da licenza por falecemento ou enfermidade (un mínimo de 5 días para todos os casos).

— Incluír sábados libres para as chamadas fins de semana de calidade.

— Incremento de cantidades e pagamento da voluntariedade dos domingos en que se traballe.

— Remuneración das tardes dos días 24 e 31 de decembro con 12 euros por hora a partir das 14:00.

— Incremento dos importes dos seguros de invalidez e deceso.

— Incremento de horas asignadas ao persoal contratado a tempo parcial antes das novas contratacións, así como consolidación destas horas.

— Incorporar ao convenio a todo o persoal do sector do moble (máis de mil persoas).

Garantir os salarios

No aspecto salarial, sobre a proposta inicial, propoñen as seguintes cantidades (sen cláusula de revisión conforme ao IPC): 0 % para o 2021, 3,5 % para o 2022, 2,5 % para o 2023 e 2 % para o 2024. CCOO defende que o incremento do 2021 debe ter como referencia o 6,5 % do IPC dese ano; esixe tamén que as empresas aumenten as porcentaxes asignadas para o período 2022-2024 e pide un mecanismo de revisión salarial conforme o IPC para garantir o poder adquisitivo dos salarios.

Segundo CCOO-Servizos, haberá cando menos unha reunión semanal para axilizar a negociación. O sindicato coida que este convenio precisa ser renovado antes de que remate o actual ano 2022, pois «as traballadoras e traballadores do sector non poden pasar un ano máis sen que se actualicen os salarios».