Archivado en Campañas, Condiciones de trabajo, Comercio, Comercio Galicia, Accion sindical

CCOO inicia unha campaña para denunciar a precariedade e as cargas de traballo extremas no sector do comercio


Black Reality precariedade no comercio

A temporalidade y, sobre todo, a parcialidade definen as condicións de traballo do sector do comercio. Un sector considerado esencial durante a pandemia, cun gran número de convenios bloqueados e cadros de persoal que soportan durante os últimos meses do ano unhas cargas extremas de traballo.

Aínda que o sector do comercio afronta a campaña de vendas de final de ano con máis persoal do que tiña antes da pandemia (o terceiro trimestre de 2021 pechou con 17 748 persoas ocupadas máis ca o mesmo período do 2019), hai que ter en conta que aínda quedan máis de 1300 en situación de ERTE no ramo. Ler máis

 


E, sobre todo, que os indicadores de precariedade non melloraron. A temporalidade sitúase no 23 % e a parcialidade no 21 %, sendo a parcialidade feminina (32,55 %) catro veces superior á masculina (7,49 %), o que supón unha significativa fenda de xénero. A estes indicadores de precariedade hai que engadirlles os incumprimentos sistemáticos da normativa legal ou pactada: prolongacións de xornadas que non se retribúen, falsa parcialidade, persoas realizando horas moi por riba das legais e das fixadas nos seus contratos, cambios de horarios sen respectar os calendarios laborais...

Resulta especialmente significativa, neste sentido, a análise sectorializada dos resultados do Plan Director por un traballo digno 2018-2020, da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que indica que no sector do comercio se produciron un total de 1349 regularizacións (1147 contratos transformados en indefinidos e 202 incrementos de xornada).

Ocorre que gran parte das traballadoras e traballadores do sector do comercio teñen as súas condicións laborais conxeladas. Segundo datos do REGCON, o 65,3 % dos convenios colectivos sectoriais (54,1 % das persoas traballadoras cubertas por eles) están vencidos con data do 31/12/2020 ou anterior. Un 20,5 % adicional (14,1 % persoas traballadoras) vencerá con data do 31/12/2021.

No contexto descrito, constátase de novo que os cadros de persoal do sector viven nos últimos meses do ano un período de cargas de traballo extremas, cada vez máis concentradas entre a derradeira semana de novembro (co Venres Negro e o Ciberluns) e a primeira quincena de decembro (coas compras de Nadal que se prolongan durante todo o mes e continúan co período de rebaixas de xaneiro). De feito, unha media do 80 % dos domingos e festivos de apertura comercial concéntrase nos meses de novembro, decembro e xaneiro e, en contra do que poida pensarse ou proxectarse en medios, o volume de contratación extra ou de reforzo neste período é absolutamente marxinal: a repunta de cotización media na Seguridade Social respecto a setembro ou outubro non chega ao 2%  e é inferior ou igual ao período punta en agosto.

Ante este escenario, CCOO inicia unha campaña dirixida a empresas, administracións, persoas consumidoras e cadros de persoal. O obxectivo é que se faga cumprir a normativa legal e se desbloquee a negociación colectiva sectorial para que os traballadores e traballadoras dun sector considerado esencial durante a pandemia poidan realizar o seu traballo baixo unhas condicións laborais que lles permitan vivir.