Archivado en Comunicado breve, Condiciones de trabajo, Unión Comarcal A Coruña, Union Comarcal Vigo, Comercio, Comercio Galicia, Accion sindical

CCOO-Servizos congratúlase de que Vigo non aumente a zona de afluencia turística e critica que A Coruña a amplíe


zona afluencia turística

CCOO-Servizos congratúlase de que Vigo non aumente a zona de afluencia turística, que permite a apertura todos os días do ano nos establecementos con máis de 300 metros cadrados de superficie. Porén, o sindicato critica que A Coruña non atendese o informe do sindicato e decidise ampliar a súa zona. Ler máis


No caso de Vigo, CCOO propúxolle ao Concello manter a mesma zona que se aprobara hai cinco anos, ao entender que non hai motivos que xustifiquen facer ningún tipo de ampliación. Malia que no período de negociación houbo movementos para tentar ampliar esta zona, a insistencia e consistencia coa que o sindicato defendeu a súa postura, xunto coa doutras organizacións que estaban na mesma liña, fixo que o Goberno local optase por non facer cambios. 

Esta zona abrangue o que se podería definir como o núcleo histórico vigués, incluíndo a zona de Bouzas e o ámbito perimetral entre as rúas San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Pontevedra, Areal, Montero Ríos e Cánovas del Castillo (excluíndo a zona a carón do mar) ata San Francisco.

CCOO considera moi positiva esta medida, aprobada no pleno municipal do 28 de xuño co consenso de todas as partes implicadas.

Crítica ao Goberno local da Coruña

Pola contra, o Concello da Coruña fixo caso omiso do informe emitido por CCOO e decretou a ampliación da zona de afluencia turística coruñesa. Ata o moento, a zona de afluencia turística coruñesa abranguía o centro da cidade, Riazor e a contorna da Torre de Hércules. Agora esténdese ata Monte Alto e Distrito Picasso.

Para CCOO-Servizos, este tipo de medidas só benefician as grandes empresas de distribución en detrimento do pequeno e mediano comercio, rompendo o equilibrio entre uns e outros. Segundo o sindicato, está demostrado que a ampliación de horarios e a apertura en todos os festivos do ano non anima o consumo nin crea máis emprego. Pola contra, supón maior carga de traballo e empeoramento das condicións laborais, dificultando tamén a conciliación.

Por esta razón, CCOO presentou un informe desfavorable á dita ampliación que, non obstante, foi obviada polo Goberno local, que no pleno desta semana aprobou a medida só co apoio do PP.