Archivado en Nota de prensa, ERE

A empresa, que chegou a dar emprego a 2500 persoas hai menos de catro anos, conta actualmente con 1400 traballadores e traballadoras

O persoal de Bosch Vigo concentrouse diante de Vodafone para denunciar o desmantelamento da empresa


concentración contra ERE Bosch Vigo

O comité de empresa convocou unha concentración este xoves, 23 de xuño, para denunciar o desmantelamento de Bosch Service Solutions, a segunda empresa máis grande de Vigo por volume de persoal. A protesta tivo lugar ás 12 horas diante das oficinas dun dos meirandes clientes da compañía, Vodafone, situada na Zona Franca.


Bosch Service Solutions dedícase ao sector de centros de chamadas e presta servizos para clientes como Repsol, Orange, Iberdrola e a mencionada Vodafone, entre outras compañías. Desde o inicio da pandemia, Bosch encadeou varios ERTE e ERE, así como modificacións substanciais de condicións de traballo que afectaron principalmente aos servizos que se prestan para Vodafone.

A mediados de xuño, a dirección da empresa convocou o comité para iniciar un período de negociación dun novo ERE pola perda do servizo de Vodafone HD, que se deslocaliza a outros países.

CCOO rexeita o desmantelamento da empresa, tanto por parte de Bosch como pola deslocalización promovida por Vodafone, que provocaron que o cadro de persoal en Vigo pasara de 2500 persoas hai menos de catro anos a 1400 na actualidade.