Prodúcense novos avances no proceso de negociación

Novo acordo de condicións laborais en Adecco Outsourcing SAU na provincia de Pontevedra


adecco outsourcing

Despois do acordo asinado o pasado mes de xuño sobre bolsa de horas, neste mes de decembro a representación de CCOO en Adecco Outsourcing SAU da provincia de Pontevedra alcanzamos un novo acordo coa empresa, esta vez sobre licenzas retribuídas, plus de distancia/desprazamento, entrega de vestiario e mobilidade xeográfica. Este acordo, como o anterior foi referendado en asemblea e por unanimidade dos asistentes.

Doutra banda, temos pendente un acordo sobre salarios que esperamos se poda asinar a finais do presente mes de decembro para que sexa de aplicación xa no ano 2017. Esta negociación baséase na procura do incremento de salarios sobre a base de acadar, nun período por determinar, os establecidos no sector de referencia, neste caso o de loxística da provincia de Pontevedra. Segue


 As melloras producidas nos apartados acordados sobre o establecido ata o momento, que ao tratarse dunha empresa sen convenio regulador, eran as establecidas no Estatuto dos Traballadores, son as seguintes:

Permisos retribuídos:

  • Por matrimonio de pais, pais políticos, fillos, irmáns así como dalgunha outra persoa que conviva co traballador: 1 día natural

  • Por nacemento de fillo: 3 días laborables.

  • Por falecemento de cónxuxe ou fillos: 10 días naturais.

  • Por falecemento de pais ou irmáns: 5 días naturais.

  • Por falecemento de familiares de 1º e 2º grao por afinidade: 3 días naturais.

  • Por hospitalización ou intervención cirúrxica de pais, cónxuxe ou fillos: 4 días naturais

  • Por hospitalización ou intervención cirúrxica de familiares ata 2º grao de afinidade: 3 días.

  • En todos os casos de licenzas, que se requira un desprazamento de máis de 40 Km. ao centro hospitalario aumentarase 1 días natural ou 2 días se se producise fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Por asistencia a consultorio médico 13 horas anuais salvo por enfermidade grave ou médico especialista que será polo tempo indispensable e sen límite. Destas 13 horas non se detraerán as ausencias por indisposición acaecida durante a xornada de traballo xustificadas con xustificante médico.

  • tempo indispensable para acompañamento de familiares de 1º grao ou irmáns a sesións de radio/quimio terapia.

  • Por acompañamento ao médico de fillos menores de 14 anos cun límite de 16 horas anuais, salvo por enfermidade considerada grave que non tería límite.


Plus de distancia/desprazamento para aqueles traballadores cuxo domicilio diste do centro de traballo máis de 40 Km., 20 eur. mes, ou entre 40 e 60 Km. 25 eur.mes, ou máis de 60 Km. 30 eur.mes.

Establécese a posibilidade de mobilidade xeográfica aos límites da provincia de Pontevedra.

Establécese o pago da nómina o primeiro día hábil de cada mes.

Por último, agradecer e recoñecer o gran traballo da representación de CCOO neste Comité de Empresa e animar aos seus integrantes a seguir nesta liña.


Vigo a 13 de decembro de 2016
JORGE CARNEIRO PENEDO
Responsable da Federación de Servizos na provincia de Pontevedra.