Bloqueo no convenio de oficinas e despachos de Pontevedra
O 19 de marzo celebrouse a última reunión da mesa negociadora do convenio de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra. Unha vez máis a patronal veu dicir que a súa liña vermella é a eliminación da antigüidade e que non se podería avanzar na negociación mentres a parte social non estea disposta a eliminala.
Desde CCOO fomos moi claros desde o inicio da negociación do convenio:
A ANTIGÜIDADE NON SE TOCA!
Existen moitos puntos deste convenio que se deberían abordar, polo que a decisión da patronal de non seguir avanzando na negociación é incomprensible. Algúns esquecen que desde o ano 2012 este convenio leva coas táboas salariais conxeladas e pendente de actualizarse en materia de permisos, igualdade, contratación e demais novidades lexislativas que no convenio quedaron obsoletas.
CCOO anunciámoslles na mesa que iniciaremos mobilizacións progresivas no sector, para esixir un convenio colectivo á altura dos cadros de persoal e que non estamos dispostos a que exista discriminación de salarios en comparación con outros convenios do sector de Oficinas e Despachos existentes en Galicia.
Maio, mes de verán? Gadis incumpre os seus acordos en materia de vacacións
PONTEVICUS pretende agora que se inclúa o mes de maio como mes de vacacións de verán de forma unilateral e incumprindo todos os acordos e compromisos.
Tanto o convenio colectivo como os acordos de empresa indican cales son os meses de verán, e dende hai máis de 20 anos, maio non está entre eles. Para protestar por esta situación:
- Concentrámonos hoxe diante do GADIS de Rúa Barcelona en Vigo
- CCOO denunciamos esta situación e presentamos un conflito colectivo cuxo xuízo será mañá xoves 7 de marzo no TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA.
Mantédevos atentos/as a futuras actualizacións para máis detalles. CCOO non permitiremos que prexuízos ao persoal queden sen resposta.
Oficinas e despachos de Pontevedra: Mexan por nós e din que chove
O pasado 7 de febreiro mantivemos a última reunión da negociación do convenio de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra, onde tan só se presentaron dúas persoas por parte da patronal xa que supostamente, ao non recibir unha proposta por escrito pola parte social, consideraban que non era necesaria a reunión.
CCOO trasladamos que a proposta de táboas salariais presentada na última reunión pola patronal nos podería servir como punto de partida para o ano 2023, actualizando previamente todas as categorías que estivesen por baixo do SMI e establecendo unha diferenza de 80€ entre categorías. A partir de aí poderiamos empezar a negociar a suba salarial para os próximos anos, pero sen tocar en ningún momento a antigüidade.
A sorpresa atopámola cando a CIG, sindicato que ten a maioría da representación SOCIAL na mesa, ofreceulle á patronal rebaixar a antigüidade a un 4% do salario base por trienio cun tope máximo do 40% (actualmente 5% por bienio cun tope do 60%). Para isto convocou no seu momento folga e mobilizacións, facéndolle perder diñeiro ao persoal?
O agasallo da CIG á patronal suporía unha perda económica e un enorme risco para os cadros de persoal no futuro. Lembremos que durante 12 anos non houbo interese por parte da patronal de negociar o convenio, e precisamente a antigüidade foi a que permitiu que os salarios subisen minimamente cada dous anos.
CCOO non está disposta a asinar un convenio que supoña unha perda de dereitos para o persoal do sector de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra.
Insuficiente proposta patronal no convenio de oficinas e despachos de Pontevedra
O 26 de xaneiro de 2024 mantivemos unha nova xuntanza donde a patronal presentou unha proposta de suba salarial dun 25% de actualización dos últimos 10 anos, acompañada da conxelación da antigüidade.
CCOO unha vez máis deixamos claro na mesa de negociación que non estamos dispostos/as a conxelar a antigüidade nin a aumentar o seu tope.
CCOO valoramos positivamente que por fin a patronal aporte unha proposta económica seria, sen embargo para CCOO a proposta da patronal ten que ser o punto de partida da negociación dos incrementos dos próximos anos. Como vimos defendendo dende o inicio da negociación, a primeira fase debía pasar por actualizar previamente o IPC dos últimos 10 anos, revisando todas aquelas categorías que estean por debaixo do SMI e a partir de aí negociar a suba salarial.
A próxima reunión será o día 7 de febreiro, donde deixaremos claro que dende CCOO valoramos a proposta da patronal como un punto de partida para negociar os incrementos dos vindeiros anos, pero sen tocar a antigüidade.
ÚLTIMA HORA!! Convenio de oficinas e despachos de Pontevedra
O 15 de xaneiro de 2024 retomouse a negociación do Convenio de Oficinas e Despachos da provincia de Pontevedra producíndose un fenómeno denominado O DÍA DA MARMOTA!
Una vez máis sentámonos a negociar e a patronal puxo enriba da mesa a conxelación da antigüidade sen traer unha proposta salarial seria.
CCOO unha vez máis deixamos claro na mesa de negociación que non estamos dispostos/as a conxelar a antigüidade e tampouco a día de hoxe aceptaríamos a proposta realizada pola CIG na mesa de modificar e aumentar o tope da antigüidade.
CCOO esiximos que a negociación debe pasar por actualizar previamente o IPC dos últimos 10 anos, revisando todas aquelas categorías que estean por debaixo do SMI e a partir de aí negociar a suba salarial.
A próxima reunión será o día 26 de xaneiro, donde esperamos que a patronal traia dunha vez por todas unha proposta seria que permita recuperar o poder adquisitivo perdido polo persoal do Convenio de Oficinas e Despachos de Pontevedra.
Acordo salarial convenio hostalaría Pontevedra
Co obxectivo de evitar atrasos derivados das dilacións nas negociacións, CCOO Servizos xunto con outras organizacións sindicais formalizamos esta mañá coa patronal un acordo exclusivamente centrado nos salarios para os anos 2022 e 2023. Comprometémonos a continuar as negociacións referentes ao texto do acordo e aos demais incrementos no mes de xaneiro de 2024.
O acordo contempla un incremento en táboas do 8% para os anos 2022 e 2023, ademais dunha paga lineal de 1.250€ proporcional a xornada e tempo traballado. Se a suma dos IPCs 2022-2023 é superior ao 8% de incrementos acordados, a diferenza terase en conta para a negociación de salarios de 2024.
Convocatoria de asemblea do sector de oficina e despachos de Pontevedra
Os sindicatos CCOO e UGT convocamos unha asemblea para os traballadores do sector de Oficinas e Despachos de Pontevedra, en resposta ás dificultades enfrentadas durante as negociacións do convenio laboral.
A decisión de convocar a asemblea foi tomada despois dunha nova reunión programada para a mesa de negociación. O obxectivo principal do encontro é explicar as propostas presentadas por cada sindicato, proporcionando aclaracións e respondendo ás dúbidas que os traballadores poidan ter.
A asemblea está programada para o día 12 de decembro de 2023, ás 20:00 horas, e terá lugar na sede de UGT Vigo, situada na Rúa García Barbón número 67, 5º andar.
Convenio oficinas e despachos provincia de Pontevedra: A CEP suspende a súa participación
O pasado 17 de novembro recibimos a noticia da decisión da Confederación de Empresarios de Pontevedra —órgano que asumira a negociación do Convenio de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra—, de suspender a súa participación nas conversas.
A patronal trasladou a todos os sindicatos que esta decisión foi tomada en resposta ás mobilizacións que a CIG emprendeu nos últimos días.
CCOO lamentamos tal decisión, máis tendo en conta que despois de 12 anos co convenio paralizado, conseguírase sentar á CEP para asumir a negociación grazas á mediación do CGRL.
Como expresamos anteriormente, desde CCOO consideramos que, tras tan só 3 reunións, a situación non xustificaba a ruptura, con manifestacións e folgas precipitadas e sen ter en conta o resto da parte social.
CCOO tomaremos medidas para poñernos en contacto con todas as partes involucradas co obxectivo de reconducir a situación. A nosa intención é lograr que todas as partes se volvan sentar á mesa de negociación para actualizar un convenio que urxe ser revisado, en beneficio de todo o persoal do sector. Estamos comprometidos co diálogo e a búsqueda de solucións que atendan ás necesidades dos traballadores e traballadoras deste ámbito.
CCOO Servizos esiximos á patronal axilidade para renovar o convenio da hostalaría de Pontevedra
CCOO-Servizos denunciamos a falta de interese da patronal de hostalaría da provincia de Pontevedra, que mantén o convenio caducado desde o 31 de decembro do 2021, hai xa case dous anos. Nnon podemos pasar outro Nadal sen regular as condicións de traballo no sector, especialmente nun momento en que os datos de ocupación están en máximos históricos.
Nunha conferencia de prensa que tivo lugar este luns en Vigo, os voceiros de CCOO, Jorge Carneiro e José Mirás, sinalaron que as patronais se queixan acotío da falta de persoal, cando ao mesmo tempo sorprenden «con declaracións ilegais e polémicas realizadas desde a patronal estatal, que defende xornadas escravistas de 12 horas diarias».
CCOO coida que cómpre «regular decontado» nun novo convenio as condicións de traballo, para o que lle reclama «axilidade» á patronal. O novo texto deberá incluír medidas para garantir a conciliación da vida persoal e a familiar, así como a mellora da cualificación profesional e dos salarios, para facer atractivas as condicións laborais do sector.
Precisamente, os baixos salarios, así como os incumprimentos en materia de xornada, os horarios que impiden a conciliación ou a falta de regulación das condicións dos fixos-descontinuos son algúns dos principais problemas.
Reunión da mesa do convenio de oficinas e despachos de Pontevedra
Con data 4 de outubro do 2023 volveuse a reunir a mesa negociadora do convenio colectivo de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra. Na última reunión a patronal comprometeuse a expoñer unha proposta económica:
Revalorización salarial
- Ano 2023: 4%
- Ano 2024: 3%
- Ano 2025: 3%
Devanditos incrementos aplicaríanse sobre as táboas salariais do ano 2011 sen pago de atrasos e creando un complemento para aqueles grupos profesionais cuxas táboas salariais quedasen por baixo do SMI.
CCOO deixámos claro que se deben actualizar previamente todas as táboas salariais ao SMI e a partir de aí negociar sobre o incremento salarial.
Antigüidade
Eliminación da antigüidade. CCOO manifestamos que non estamos dispostos a eliminar unha antigüidade que foi a que permitiu durante todos estes anos un mínimo de incremento salarial.
Seguinte reunión, 19 de outubro
Tras apenas unha hora de reunión, a CIG como sindicato maioritario na mesa, deixou a porta aberta a poder aceptar a proposta de incremento salarial da patronal sen tocar o resto do convenio e mesmo a abordar a eliminación da antigüidade.
Para iso propúxolle á patronal presentar unha proposta de táboas salariais que contemple o devandito escenario e así podelo consultar coa súa base afiliativa.
Desde CCOO deixamos constancia que non estabamos de acordo con dita proposta e que non se trataba dunha postura conxunta da mesa negociadora.
Seguiremos defendendo que as persoas traballadoras do sector de oficinas e despachos de Pontevedra se merecen uns salarios dignos e á altura do convenio doutras provincias da nosa comunidade autónoma.
CCOO defende a recuperación dos salarios no convenio do comercio alimentación de Pontevedra e rexeita as artimañas da patronal
CCOO rexeita calquera convenio que non teña un efecto inmediato na recuperación do poder adquisitivo dos salarios. Nesta reunión, reiterou este posicionamento, mentres a patronal, facendo malabares, intentou convencer de que non só o persoal non sufriu perda de poder adquisitivo, senón que incluso o gañou. Sen entrar nunha explicación matemática detallada, a patronal non convenceu. CCOO ten a capacidade de avaliar a situación con precisión sen caer en xogos matemáticos.
Outro obstáculo para poder negociar que a patronal expuxo é que nos enfrontamos a catro propostas económicas distintas, o que é certo (CCOO solicita un aumento lineal que representa entre un 8% e un 9% cada ano de vixencia, UGT arredor dun 10%, CIG un 7% e USO en torno a un 6%). Pero esta discrepancia de propostas non debería ser un problema. Pedimos repetidamente á patronal que presentara unha proposta para comezar as negociacións, pero foi imposible.
O que si repite constantemente a patronal, como en todas as negociacións, é o custo que lle supón a antigüidade e a clasificación automática.
CCOO quere deixar claro na mesa, e así quedará reflectido na acta, que cando fala dun incremento do 8%, refírese a telo en conta na situación actual do convenio, incluíndo a antigüidade, a reclasificación e o resto dos conceptos económicos. A patronal quere deducir deste incremento o custo que alega que ten a antigüidade, por contra CCOO solicita o 8% e que a antigüidade e a reclasificación automática se manteñan.
CCOO quere destacar este último aspecto no posicionamento sobre a antigüidade, porque USO emitiu un comunicado no que se pretende ensuciar o proceso electoral en Gadis e Froiz con mentiras interesadas. Non todo vale nas eleccións sindicais, e a verdade debe seguir a prevalecer. E a única verdade é que CCOO mantén firmemente a súa proposta económica, mentres que outros sindicatos, casualidade ou non, con propostas máis baixas parecen non ter máis opción que utilizar mentiras e artimañas en lugar de defender o que deben defender con firmeza.
A próxima reunión será o 13 de xuño ás 16:30. Non todo vale para obter unha presada de votos, e a mentira e a falsidade teñen as pernas moi curtas.
Convenio comercio metal Pontevedra: Última reunión do AGA (CGRL)
Finalmente chegouse a acordo para a sinatura do convenio. A parte empresarial aceptou a última proposta, á que engadimos algunha cuestión formal que quedaba por matizar.
O resultado final do acordo é o seguinte:
- Incremento salarial: 2022 = 6,5%, 2023 = 4%, 2024 = 4%
- Revisión salarial na diferenza entre a suma dos IPCs dos anos 2023 e 2024 e o incremento real destes anos (8%) con un tope do 10% a aplicar con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2024.
- Xornada: Redución de 16 horas (8 a partir do 1/01/23 e 8 a partir do 1/01/25)
- Adaptación do convenio ás novidades da reforma laboral e en materia de conciliación, trasladando para iso o acordado no convenio de comercio vario recentemente asinado.
- Aclarar que no tocante as vacacións os 22 días que marca o convenio son sempre de 8 horas, para que non lles conte un día completo ás persoas traballadoras que o sábado traballan medio día.
- Trasladar ao convenio o réxime de faltas e sancións establecido no convenio de Comercio Vario.
Nestes días prepararemos a redacción do acordado o que suporá modificar os artigos 3, 5, 7, 12, 14, 17, 18, 26, 28, 35 e 40 do actual convenio. Unha vez redactado reunirase na mesa negociadora para asinar o texto definitivo e envialo publicación no Boletín Oficial da provincia.
O 27 de decembro as 20:30 celebrarase unha asemblea nos locais da CIG para explicar e valorar o acordado.
DEICHMANN Vigo en folga por incumprimento de convenio
As traballadoras de Deichmann Vigo convocaron folga en protesta por o incumprimento por parte da empresa do convenio colectivo de comercio vario da provincia de Pontevedra asinado no pasado mes, no tocante a voluntariedade de traballar en domingos e festivos.A representación legal das traballadoras e CCOO tentaron ata o último momento unha solución negociada co fin de evitar a folga. Non foi posible. Na semana pasada a empresa rexeitou expresamente acudir a reunión de mediación do procedemento AGA solicitado por CCOO, deixando claro que non é a súa vontade consensuar unha solución. Ler máis
O comercio de metal de Pontevedra mobilizouse o sábado en Vigo e comeza unha folga
Os sindicatos CCOO, UGT e CIG convocan unha concentración do sector do comercio de metal da provincia de Pontevedra. Foi o sábado, 19 de novembro, ás 12 horas, diante do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). Con esta protesta, os traballadores e traballadoras esixiron a actualización do seu convenio, que leva tres anos caducado, e déronlle unha última advertencia ás empresas antes da xornada de folga provincial que tivo lugar hoxe.
As organizacións sindicais lembran que o actual convenio colectivo rematou a súa vixencia no 2019. Desde aquela estase intentando renovar o texto coas patronais ATRA e ACE, sen que a parte empresarial amose vontade negociadora. Ante isto, a parte social incluso pediu a incorporación deste convenio ao do comercio vario, onde xa están outros sectores comerciais, recibindo tamén unha negativa —neste caso, da patronal ATRA.
Ademais dos salarios, onde os sindicatos piden incrementos acordes co encarecemento do custo da vida, estábanse a negociar outras cuestións, como a adaptación ao que esixe a reforma laboral no tocante á contratación, a xornada laboral anual e dereitos sociais como licenzas, días de libre disposición ou vacacións.
CCOO, UGT e CIG sinalan que a parte social cedeu en moitas reivindicacións para tentar chegar a un acordo, incluso aceptando que non houbese incremento salarial retroactivo para os anos 2020 e 2021. Na xuntanza do pasado 11 de outubro, ATRA retirou todas as súas propostas, alegando que parte social pedira «moito» na anterior reunión.
Para os tres sindicatos, este comportamento é contrario ao principio da boa fe que debe presidir todas as negociacións. A ruptura do diálogo non lles deixa aos traballadores e traballadoras outra saída que a mobilización en defensa dos seus dereitos.
O convenio do comercio vario mellora as condicións laborais de máis de 13000 persoas na provincia de Pontevedra
Desde CCOO queremos valorar moi positivamente este acordo, porque con el dáse un paso moi importante, conseguindo aglutinar nun só convenio a gran parte do comercio, como a venda polo miúdo (retail) de tecidos en xeral, pezas confeccionadas, alfombras e tapices, paquetería, mercería, quincallería, comercio polo miúdo de xoguetes, artigos deportivos, comercio de bazares, artigos de agasallo, adorno e reclamo; tendas denominadas de “miniprezos" e similares
En xeral, aquelas adicadas ao comercio de artigos múltiples sen predominio dentro do mesmo establecemento tales como comercio da pel, venda por xunto de tecidos, mercería e paquetería en xeral, pezas confeccionadas, alfombras e tapices, zapatos, e tamén nas que no futuro se encadren ou agora non teñan convenio de referencia. Ler máis.
«Ou salario ou conflito», advirte a secretaria xeral de CCOO
"Levámolo dicindo durante todo o verán, despois de que a CEOE se erguese da mesa de negociación: "salario ou conflito". É unha cuestión de principios", sinalou a dirixente sindical ante os medios de comunicación.
"A clase traballadora non pode pagar o custo da crise. Fálase moito de pacto de rendas, pero a patronal só quere oír falar del cando os traballadores e as traballadoras sexan quen asuman o custo da crise, por iso cómpre actuar tamén sobre os beneficios empresariais", clarificou a sindicalista.
Hoxe venres, 7 de otubro, a secretaria xeral de CCOO, canda o seu homólogo da UGT, estarán na concentración convocada en Ourense, ás 12 horas, diante da patronal provincial.
O comité de empresa de Hiperxel advirte de mobilizacións se continúan os atrasos no pagamento dos salarios
O comité de empresa de Xeldist —máis coñecida polo nome comercial Hiperxel—, composto por membros de CCOO, UGT e CIG, advirte de mobilizacións se continúan os atrasos no pagamento dos salarios. O persoal atópase nunha «incerteza máxima», pois traballa sen saber cando cobrará a nómina ou como evolucionará a situación, que leva meses sendo complicada. A impuntualidade nos pagamentos tamén se estende ás empresas provedoras, coa problemática da falta de mercadoría nas tendas que isto implica.
Xeldist Congelados foi vendida en xullo do 2021 por Iberconsa ao grupo Vinova, no cal está integrada a marca comercial Conxelados Cíes. Tras uns meses de «adaptación» á nova situación empresarial, en abril deste ano comezaron os atrasos nas nóminas e a falta de mercadoría nas tendas.
Pola súa parte, o persoal non ten información fiable por parte da empresa, máis aló de comunicados nos que amosa unha «intención de reflotación» e pedindo un «esforzo extra», pero sen ofrecer garantías. «A mobilización parece ser o único camiño que nos está deixando a dirección da empresa», conclúen desde o comité.
CCOO-Servizos congratúlase de que Vigo non aumente a zona de afluencia turística e critica que A Coruña a amplíe
CCOO-Servizos congratúlase de que Vigo non aumente a zona de afluencia turística, que permite a apertura todos os días do ano nos establecementos con máis de 300 metros cadrados de superficie. Porén, o sindicato critica que A Coruña non atendese o informe do sindicato e decidise ampliar a súa zona. Ler máis
O pleno do Concello de Vigo mantén a área de afluencia turística pactada hai cinco anos
Este 2022 era ano de revisar as áreas de afluencia turística, nas que os establecementos de máis de 300 metros cadrados poderán abrir todo o ano.
No caso de Vigo, CCOO propúxolle ao Concello manter a mesma zona que se aprobara hai cinco anos, ao entender que non hai motivos que xustifiquen facer ningún tipo de ampliación. Malia que no período de negociación houbo movementos para tentar ampliar esta zona, a insistencia e consistencia coa que o sindicato defendeu a súa postura, xunto coa doutras organizacións que estaban na mesma liña, fixo que o Goberno local optase por non facer cambios.
Esta zona abrangue o que se podería definir como o núcleo histórico vigués, incluíndo a zona de Bouzas e o ámbito perimetral entre as rúas San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Pontevedra, Areal, Montero Ríos e Cánovas del Castillo (excluíndo a zona a carón do mar) ata San Francisco.
Un ano máis, as zonas que se potencian como de afluencia turística son aquelas que contan con pequeno comercio e de proximidade, quedando excluídas as grandes áreas comerciais.
CCOO considera moi positiva esta medida, aprobada no pleno municipal do 28 de xuño co consenso de todas as partes implicadas.