CCOO logra toda a representación no primeiro comité provincial de Arenal Perfumerías en Lugo

comité Arenal

Comisións Obreiras (CCOO) informa da vitoria do sindicato nas eleccións sindicais da rede de tendas de Arenal Perfumerías, que esta semana elixiu o seu primeiro comité de empresa provincial. A estas eleccións estaban chamados 145 traballadores e traballadoras dos 9 puntos de venda con que conta a compañía en Lugo —tamén dispón de tendas noutras provincias galegas e do resto do Estado.

Nestas eleccións sindicais, o 85 % das persoas que exerceron o dereito ao voto apostaron pola candidatura presentada por Comisións Obreiras, que deste xeito consegue a totalidade dos 9 delegados e delegadas do comité provincial.

Desde CCOO agradécenlles aos traballadores e traballadoras a confianza depositada nas súas siglas e salientan que «unha representación sindical forte, especialmente de Comisións Obreiras, é a garantía para a defensa dos dereitos laborais e a consecución de mellores condicións de traballo».


Convenio de Comercio Alimentación de Lugo: Un enfrontamento que desata a loita por dereitos laborais

Folga comercio alimentación Lugo

A patronal valorou e aceptou a proposta da UGT para a asinatura do convenio a través dunha comunicación co seguinte texto:
___________

"UGT trasládanos unha proposta de asinatura do convenio, con estas peticións por enriba da última proposta empresarial:

Incremento salarial

2022: 5,70% (a parte empresarial propuxera un incremento do 5%)

2023: 4,00%

2024: 3,50%

2025: 3,50% (a parte empresarial propuxera un incremento do 3,25%)

Incremento total no período 2022-2025: 16,70%

Redución da xornada Redución de 13 horas anuais con efectos do 01/01/2024 (a parte empresarial propuxera unha redución de 10 horas anuais)

Esta mesma mañá, a parte empresarial valorou a proposta de asinatura do Convenio trasladada pola UGT, aceptándoa ao entender que, a pesar de superar os límites establecidos para chegar a un acordo, é importante para o sector ter xa un convenio asinado que permita actualizar os salarios.

En consecuencia, a proposta de sinatura do Convenio incluiría os dous puntos mencionados anteriormente, así como os acordos acadados en materia de prima de convenio 2022, revisión salarial, quebranto de moeda, domingos e festivos, dietas, desconexión dixital e as posibles adaptacións do texto do convenio á lexislación vixente.

Desde a parte empresarial solicitamos que valoredes a proposta feita pola UGT e aceptada pola parte empresarial, e nos indiquedes a posición de cada central sindical o máis axiña posible en relación a se sería ou non asinante do Convenio."
___________

 

CCOO rexeita a sinatura do convenio

En resposta a esta solicitude, CCOO contesta que non asinará o convenio. Tras as asembleas realizadas co persoal, quedou claro para nós que a sinatura do convenio debería depender da consecución dos seguintes puntos:

  • Mellora salarial, achegando os salarios ao convenio de Coruña, cunha revisión anual de acordo co IPC.

  • Pago do 100% por incapacidade temporal (IT), para acabar coa discriminación do persoal de Lugo.

  • Redución da xornada anual, con sábados libres, para obter fins de semana de calidade que permitan a conciliación da vida laboral e familiar.

  • Eliminación do Grupo IV do Convenio, deixando o persoal con salarios próximos ao salario mínimo interprofesional (SMI) en empresas con grandes beneficios.

Non entendemos a actitude de quen, ao noso parecer, non ten en conta a opinión do persoal e empurra a súa maioría absoluta para asinar un acordo que o sector non desexa, ademais de non convocar a mesa do convenio para presentar a súa proposta.

Todo isto ocorre sabendo que hai unha manifestación planificada para o próximo domingo, 18 de xuño ás 12:00 hrs con saída no Froiz de Montero Ríos e unha convocatoria de folga para o día 23 de xuño, onde o persoal poderá expresar o seu descontento sobre as condicións do preacordo.

Cada central sindical debe facerse responsable das súas decisións, e o persoal do comercio alimentación de Lugo, tomar nota para futuros procesos electorais e decidir se é conveniente e beneficiosa para as persoas traballadoras deste sector unha maioría absoluta que pase o rolete, sen que exista a opción de ter que negociar os acordos co resto.

Manifestación: día 18 de xuño as 12:00 h. Saída do Froiz de Montero Ríos, pasando polo Gadis de Quiroga Ballesteros e rematando diante da CEL, na Pza de Santo Domingo
Folga: 23 de xuño

 


CCOO ademais propón unha manifestación para o domingo 18

CCOO súmase á folga do sector do comercio de alimentación de Lugo

Folga comercio alimentación Lugo

CCOO lembra que o persoal deste sector foi considerado esencial durante a pandemia, «expoñendo a nosa saúde e a das nosas familias para atender a toda a cidadanía e evitar desabastecementos en momentos tan complicados».

Pasado ese momento delicado, e despois de que as empresas «tivesen amplos beneficios», o sindicato reclama negociar o convenio colectivo, tanto para recoñecer o traballo do persoal, como para evitar unha «situación crítica» para as traballadoras e traballadores por mor da inflación.

CCOO esixe «acabar coa indecencia» de soldos próximos do salario mínimo en empresas con grandes beneficios. Tamén quere reducir a xornada anual, de 1812 horas, unha das maiores do comercio.

Outras demandas son acabar coa discriminación pola que o persoal deste sector en Lugo «é o único que non percibe o 100% do salario en caso de baixa médica», así como garantir a desconexión dixital e a conciliación familiar e laboral.


CCOO Servizos convoca mobilizacións en Sarria en contra do ERE de Inelcom Operaciones Técnicas

ERE inelcom

Sarria, 25 de maio - O Comité de Empresa do centro de traballo de Sarria, integrado por delegadas e delegados da Federación de Servizos de CCOO en Galicia, convocou unha serie de accións en resposta ao proceso de negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola empresa Inelcom Operaciones Técnicas, que afecta aos seus dous centros de traballo situados en Xativa (Valencia) e Sarria (Lugo).

Despois de sete reunións de negociación entre a parte social e a empresa, as posicións aínda se atopan afastadas. A última oferta presentada pola empresa inclúe o despedimento de 58 persoas cunha indemnización de 24 días por ano traballado, proposta que é considerada inasumible pola parte social.

Segundo informou o Comité de Empresa, a decisión de levar a cabo estas mobilizacións foi tomada de forma conxunta cos traballadores e traballadoras do centro de Xativa, tras a realización de asembleas nas cales se lles transmitiu o apoio ás accións propostas.

Unha manifestación está programada para o día 30 de maio ás 20:30 horas, a cal percorrerá o centro de Sarria. O punto de partida será o centro de traballo situado na Rúa Liberdade, 212 (antiga rúa Calvo Sotelo), e a marcha concluirá na Praza da Vila. Ademais, unha folga de 24 horas está convocada para o día 1 de xuño, xunto cunha concentración diante do centro de traballo ás 11:30 horas.

É por iso que o Comité de Empresa fai un chamamento á sociedade de Sarria e vilas próximas para que se unan masivamente á manifestación, co obxectivo de mostrar un rexeitamento frontal ás medidas anunciadas pola empresa. É hora de demostrar unha unidade solidaria en defensa dos postos de traballo e dos dereitos laborais.


CCOO Servizos reúnese co comité de empresa de Inelcom e co alcade de Sarria para tratar o ERE anunciado pola dirección

xuntanza comité alcalde Sarria ERE Inelcom

O Comité de Empresa de Inelcom en Sarria xunto co responsable de Servizos Técnicos dá Federación de Servizos de CCOO en Galicia, Iván Cordeiro, mantiveron unha xuntanza con alcalde de Sarria, Claudio Garrido, onde lle trasladaron a súa preocupación polo ERE anunciado pola dirección de INELCOM.

Durante a xuntaza o rexidor trasladoulle á representación legal das persoas traballadoras o seu total apoio e interese pola situación que se pode derivar das decisións empresariais que se adopten. 
Na xuntaza acordouse seguir mantendo un contacto estreito co Concello para facer un seguimento da evolución desta negativa decisión tomada pola empresa.

A Federación de Servizos de CCOO en Galicia quere denunciar publicamente o impacto que dita decisión pode supoñer tanto para o emprego na provincia de Lugo como para as condicions de traballo e vida persoal das persoas traballadoras que puideran verse afectadas.


CCOO rexeita o ERE en Inelcom, unha das meirandes empresas de Lugo

ERE inelcom

A Federación de Servizos de CCOO rexeita o ERE anunciado por Inelcom, empresa situada en Sarria, unha das compañías máis grandes de Lugo por volume de persoal. Dedícase ao sector de centros de chamadas, prestando servizos a Telefónica ou Hola Luz, entre outras.

A comezos de mes, a dirección notificoulle ao comité de empresa a apertura do período de negociacións para un ERE en todo o Estado que atangue tanto ao centro de traballo de Sarria como ao de Xàtiva (País Valenciano). Entre ambos os dous suman máis de 500 persoas.

A día de hoxe, non se sabe como afectaría a regulación de emprego a cada un dos centros. No entanto, CCOO informa de que este mércores haberá unha primeira xuntanza do comité de empresa co alcalde de Sarria, a quen lle trasladará na súa preocupación polo futuro da compañía e do emprego.


A secretaria xeral de Comisións Obreiras, Amelia Pérez, reitera que haberá conflito se non se produce un incremento salarial

«Ou salario ou conflito», advirte a secretaria xeral de CCOO

"Levámolo dicindo durante todo o verán, despois de que a CEOE se erguese da mesa de negociación: "salario ou conflito". É unha cuestión de principios", sinalou a dirixente sindical ante os medios de comunicación.

"A clase traballadora non pode pagar o custo da crise. Fálase moito de pacto de rendas, pero a patronal só quere oír falar del cando os traballadores e as traballadoras sexan quen asuman o custo da crise, por iso cómpre actuar tamén sobre os beneficios empresariais", clarificou a sindicalista.

Hoxe venres, 7 de otubro, a secretaria xeral de CCOO, canda o seu homólogo da UGT, estarán na concentración convocada en Ourense, ás 12 horas, diante da patronal provincial.


Acordo convenio hostalería Lugo

convenio hostalería lugo

O convenio ten aspectos moi importantes para garantir e mellorar as condicións de salario, conciliación e profesionalidade do persoal, recollendo as solicitudes da Plataforma Reivindicativa de CCOO, e todo isto despois duns duros anos de pandemia, con moitos locais pechados e a maioría do persoal en ERTE:

  •  Vixencia 2021 a 2024, con incrementos; 2021.- 1.5%; 2022.- 3,5%; 2023.- 2,5%; 2024.- 3%.

Isto significa que á data publicación do Convenio no BOP, as persoas verán un incremento inmediato nas nóminas do 5%, así como un pago de atrasos polos seus efectos desde o 1 de xaneiro. Ler máis


A empresa segue sen aboar a paga extraordinaria de decembro e aínda non pagou o mes de febreiro

CCOO informa dun novo impagamento de nóminas en Abante BPO Lugo e presenta unha denuncia na Inspección de Traballo

impagamento ABANTE

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia denuncia que continúan os incumprimentos de Abante BPO Lugo no que respecta ao pagamento dos salarios. Segundo o sindicato, a día de hoxe a empresa aínda non pagou a extra de decembro nin tampouco a nómina ordinaria do mes de febreiro. CCOO amosa a súa preocupación polo rumbo de Abante ante a «nefasta xestión» da súa dirección, o que lle valeu ata o momento dúas denuncias na Inspección de Traballo.

Desde que os actuais xestores se fixeron cargo de Abante, o comité só conseguiu reunirse en dúas ocasións coa dirección. A primeira, o pasado 13 de decembro, cando se anunciou a compra. A segunda, o 3 de febreiro, cando a dirección informou de que estaba a facer as xestións oportunas para poder pagar a extra de decembro, non aboada «por problemas de liquidez».

Constatado tamén o atraso no pagamento da mensualidade de febreiro, a sección sindical de CCOO tentou poñerse en contacto coa empresa en reiteradas ocasións para instala a reunirse co comité. A resposta foi que se estaban a facer «esforzos» para o pagamento e declinando convocar xuntanza ningunha.

Ante esta situación, CCOO presentou unha nova denuncia na Inspección de Traballo, que se suma á interposta xa o pasado mes de decembro.


CCOO denuncia a falta de pagamento de nóminas en Abante BPO

Centro Chamadas Abante

CC.OO denuncia a falta de pagamento da nómina extraordinaria de decembro na empresa ABANTE BPO LUGO tras o cambio de propietarios anunciado en decembro.

Desde o pasado 13 de decembro de 2021, despois de que o Comité de Empresa se reunise coa nova dirección, non se tiveron máis noticias por parte de ABANTE BPO LUGO. A Sección Sindical de CCOO tentou en numerosas ocasións pórse en contacto coa empresa para obter máis información sobre a súa situación real, non obtendo ningunha resposta.

Ante o incumprimento do abono da paga extra e a falta de noticias, a Sección Sindical de CCOO procedeu a pór unha denuncia ante Inspección de traballo reclamando que se obrigue á empresa a facer fronte ás súas obrigas de pago. CCOO considera que a falta de pagamento da paga extra de decembro supón un grave prexuízo para o persoal nunhas datas tan sinaladas como o nadal e nun sector onde se cobra a xornada completa apenas 1000 euros mensuais.

A Federación de Servizos de CCOO en Galicia ve con preocupación a situación que atravesa ABANTE BPO, empresa do sector de Contact Center que chegou a dar traballo na provincia de Lugo a máis de 450 persoas e que a día de hoxe conta con escasas 100 persoas empregadas.


Primeira reunión do convenio de hostalaría de Lugo

O pasado mércores 24 de Novembro tivemos a primeira reunión da negociación do convenio de hostalaría provincial de Lugo, logo da formalidade de constituir a mesa negociadora.

Expuxemos a necesidade de actualizar o convenio tanto na súa parte social como na parte salarial, donde entendemos que os salarios non se corresponden ca media xeral da hostalaría de Galicia. A nosa proposta é clara e presentamos uns incrementos salariais que afectan á totalidade das categorías profesionais.

A resposta da patronal limítase a sinalar que a situación actual da pandemia impide poder aplicar incrementos salariais, salvo en casos contados a onde non chega o SMI.

Por outra banda, con respecto ás melloras sociais que pretendemos incorporar ao convenio en puntos como vacacións, licenzas festivos etc, non se pararon a debatilas, quedando emprazados para unha próxima reunión o vindeiro 15 de decembro de 2021.


Máis de 6.000 persoas acudimos ás mobilizacións convocadas

CCOO BBVA: Rotundo éxito das Mobilizacións do persoal de BBVA en 15 cidades do Estado

concentración BBVA ERE

O Banco alega razóns organizativas e económicas para acometer o despedimento masivo de 3.798 persoas, mentres a cúpula directiva consolida remuneracións de centenares de millóns de euros anuais. Por iso, 6.000 empregadas e empregados do banco e parte das súas familias, manifestámonos fronte á sede territorial de quince cidades de todo o territorio estatal, para dicir basta a este Despedimento Colectivo.

Unha clara demostración de unidade do persoal e os seus representantes sindicais, que nos dá forza para afrontar unha negociación que empezou o pasado día 6 de maio coa entrega do Informe Técnico e que continuará o vindeiro mércores día 12 de maio.

 O persoal e as organizacións sindicais falaron e BBVA debe escoitarnos, porqué non estamos dispostos a calar ante esta maiúscula inxustiza.

É incrible a actitude de desprezo do Banco pretendendo pechar centenares de oficinas, deixando en risco de exclusión financeira a amplos sectores sociais, como o das persoas maiores ou co peche da única oficina de moitas poboacións e, por iso, tamén cara ás traballadoras e traballadores das devanditas sucursais.


Con detalle de festivos locais e aperturas comercio

CALENDARIO LABORAL DE GALICIA 2021

Calendario Laboral 2019

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 


Así non. CCOO non subscribe o acordo en DIA

ERE DIA

Medidas traumáticas, présas inxustificadas, falta de plans concretos, indeterminación. Aínda que CCOO conseguiu, grazas a varias xornadas de mobilización e, principalmente, á exitosa folga que protagonizou o persoal,  que a empresa introducise melloras no texto, o empeño de DIA de aplicar medidas traumáticas impide que o sindicato subscriba o acordo. Ler máis


A responsabilidade de CCOO é velar polo persoal de DIA e a viabilidade de toda a empresa

stop ERE DIA

Trala reunión mantida hoxe, o número de persoas afectadas sería, finalmente, de 1.586, o que supón unha desafectación de 478 persoas (un 21%). Ofrécense 341 vacantes que poden reducir o numero de persoas afectadas. Se houbese vontade sería relativamente sinxelo alcanzar un acordo unánime e útil para o futuro da entidade. Ler máis


Este mércores, cadrando coa xunta de accionistas en Madrid, houbo protestas en Galicia e no resto de España

Éxito da folga en DIA. #EnDIAnonSobraNinguén

ERE supermercados DIA

 A folga e as protestas do persoal de DIA tiveron un seguimento multitudinario. Isto ten moitísimo valor, sobre todo tendo en conta o ambiente que se creou nas tendas, onde os que se esconderon ante o problema tamén sementaron o medo e o desconcerto con mensaxes falsas.

Ante todo queremos darvos as grazas a todas e cada unha das persoas que hoxe decidistes loitar polo emprego en DIA, que decidistes alzar a voz para defender os vosos postos de traballo, que, a pesar de todo, quixestes lanzar unha mensaxe clara á empresa:

Cos nosos traballos non se xoga!!!!!! Ler máis


Con detalle de festivos locais e aperturas comercio

CALENDARIO LABORAL DE GALICIA 2019

Calendario Laboral 2019












Sentenza contra o peche do Parador de Vilalba en vacacións

sentenza parador vilalba

O 9 de abril do presente ano informabamos sobre unha sentenza favorable para os traballadores do xulgado do social de Lugo, na que se declaraba nulos os calendarios de vacacións impostos pola empresa para o ano 2018 no Parador de Vilalba.

Esta sentenza veu dada pola intención da empresa de pechar o Parador por vacacións e o Conflito Colectivo interposto por CCOO de Lugo. De todos os xeitos a empresa presentou o correspondente recurso e pechou igualmente o Parador por vacacións. Ler máis.


CCOO Servizos gaña as eleccións en Froiz Lugo

eleccións froiz lugo

Onte, vintesete de xuño, celebráronse as eleccións sindicais da empresa Froiz de Lugo. Na súa anterior edición os resultados foron de sete delegados/as para o sindicato USO e dous para CCOO.
Nesta ocasión é importante destacar a participación da maioría dos tralladores e traballadoras da empresa e sobre todo a implicación neste proceso de toda a afiliación e simpatizantes de CCOO, conseguindo uns resultados moi positivos, nos cales CCOO revalidou a súa presenza no comité ao acadar catro dos membros elixidos no colexio de especialistas. 
O resto de sindicatos participantes, UGT e USO quedáronse en dous e tres representantes electos, respectivamente.

CCOO agradece o respaldo do persoal pola súa participación democrática e polo apoio outorgado aos nosos candidatos e candidatas, comprometéndonos a traballar para ser útiles e eficaces e poder intervir con máis garantías no devir da empresa e do sector.


Carmen Sangil, elixida Secretaria Xeral da Sección Sindical de Banco Santander en Galicia.

Integración Santander Grupo Popular Galicia

Hoxe, vinte e catro de maio, celebrouse en Santiago de Compostela o Plenario Extraordinario da Sección Sindical de CCOO Banco de Santander Galicia e integración da Sección Sindical de CCOO Grupo Banco Popular Galicia.

Coa previsión dun inminente proceso de integración de ambas entidades presentouse unha única candidatura á Secretaría Xeral e á executiva, quedando esta última integrada na súa maioría polas delegadas e delegados que xa participaban nese órgano de goberno nas súas respectivas seccións.

Na súa intervención, Carmen Sangil quixo agradecer "a xenerosidade e o esforzo pola confianza depositados na súa persoa" xa que "nos imos enfrontar a importantes retos de aquí ao próximo ano". Destacou tamén o valor de demostrar a fortaleza da organización a través do "contacto directo, cercano e persoal cos nosos compañeiros, resolvendo cantas cuestións nos expoñan". Gañar as eleccións que se celebrarán en febreiro do próximo ano foi outra ideal central do seu discurso: "dado o actual momento de dificultade debemos poñer en valor o liderazgo histórico e tradicional dun sindicato de clase como CCOO nos últimos procesos electorais, que é garantía de esforzo, e respaldo ás traballadoras e traballadores"

A partir de agora iníciase unha nova etapa que estará marcada polo proceso de integración das redes de oficinas de ambos bancos. Cabe salientar que CCOO é o sindicato maioritario tanto en Banco Santander como Grupo Banco Popular, e que ambas entidades veñen de pasar por dous Expedientes de Regulación de Emprego que foron afrontados e resoltos de forma notablemente satisfactoria.


Destacadas

Calendario Laboral 2024

Días festivos estatales y por comunidad 2024

Simuladores y utilidades

Simuladores y calculadoras, laboral y social

Fotos Servicios CCOO

Canal de Servicios CCOO en Flickr

Vídeos Servicios CCOO

Canal de Youtube de Servicios CCOO

Falacias y mentiras

Falacias, mentiras y verdades sobre los sindicatos

Histórico

Histórico de artículos de Servicios CCOO