O pleno do Concello de Vigo mantén a área de afluencia turística pactada hai cinco anos
Este 2022 era ano de revisar as áreas de afluencia turística, nas que os establecementos de máis de 300 metros cadrados poderán abrir todo o ano.
No caso de Vigo, CCOO propúxolle ao Concello manter a mesma zona que se aprobara hai cinco anos, ao entender que non hai motivos que xustifiquen facer ningún tipo de ampliación. Malia que no período de negociación houbo movementos para tentar ampliar esta zona, a insistencia e consistencia coa que o sindicato defendeu a súa postura, xunto coa doutras organizacións que estaban na mesma liña, fixo que o Goberno local optase por non facer cambios.
Esta zona abrangue o que se podería definir como o núcleo histórico vigués, incluíndo a zona de Bouzas e o ámbito perimetral entre as rúas San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Pontevedra, Areal, Montero Ríos e Cánovas del Castillo (excluíndo a zona a carón do mar) ata San Francisco.
Un ano máis, as zonas que se potencian como de afluencia turística son aquelas que contan con pequeno comercio e de proximidade, quedando excluídas as grandes áreas comerciais.
CCOO considera moi positiva esta medida, aprobada no pleno municipal do 28 de xuño co consenso de todas as partes implicadas.
Se continúa a degradación dos salarios, haberá conflito laboral e social
As empresas seguen repercutindo a suba do IPC aos prezos dos seus produtos; cargan todo o peso da inflación na cidadanía, aproveitando a alza para elevar tamén a marxe de beneficio por unidade produtiva, o que provoca un forte efecto de segunda rolda tanto na inflación subxacente, 5,5 %, como na xeral, 10,2 %. Ler máis
Seguimento case total da folga de Bosch Vigo para rexeitar o ERE
Este luns secundaron a folga case todas as traballadoras e traballadores de Bosch Service Solutions, a segunda empresa máis grande de Vigo por volume de persoal. No principal servizo afectado, o seguimento foi do 99% durante a quenda da mañá. Ademais do paro, houbo tamén concentración diante das instalacións da compañía para rexeitar as condicións do novo ERE que presentou hai poucos días a dirección.
Bosch Service Solutions dedícase ao sector de centros de chamadas e presta servizos para clientes como Repsol, Orange, Iberdrola e a mencionada Vodafone, entre outras compañías. Desde o inicio da pandemia, Bosch encadeou varios ERTE e ERE, así como modificacións substanciais de condicións de traballo que afectaron principalmente aos servizos que se prestan para Vodafone.
A mediados de xuño, a dirección da empresa convocou o comité para iniciar un período de negociación dun novo ERE pola perda do servizo de Vodafone HD, que se deslocaliza a outros países.
CCOO rexeita o desmantelamento da empresa, tanto por parte de Bosch como pola deslocalización promovida por Vodafone, que provocaron que o cadro de persoal en Vigo pasara de 2500 persoas hai menos de catro anos a 1400 na actualidade.
Reunión coa directora xeral de Relacións Laborais da Xunta
Reunión da Secretaria Xeral de CCOO Servizos Galicia, Lucía Trenor e a delegada da sección sindical CCOO de Bosch Service Solutions en Vigo, Juana Taboada con Elena Mancha directora xeral de Relacións Laborais da Xunta e Marta Mariño Regueiro, xefa territorial da Xunta en Pontevedra no marco dos contactos que se están mantendo coa Xunta de Galicia onde se está abordando a problemática existente en sectores coma o Contact Center.
CCOO denuncia a sobrecarga de traballo que padece o persoal de Quirón Prevención e esixe garantías para manter o poder adquisitivo dos salarios
CCOO, UGT e CSIF convocaron para o día de hoxe, 23 de xuño, unha folga de dúas horas en todos os centros de traballo de Quirón Prevención. Houbo, así mesmo, concentracións diante da empresa. Con este paro parcial esixen o desbloqueo da negociación do convenio colectivo, que, ademais de mellorar as condicións laborais, regule o teletraballo. Ademais o sector bate récords de beneficios.
CCOO esixe, tamén, que se tomen medidas ante a sobrecarga de traballo que padece o persoal e unha suba salarial que non poña en perigo o poder adquisitivo.