Se continúa a degradación dos salarios, haberá conflito laboral e social
As empresas seguen repercutindo a suba do IPC aos prezos dos seus produtos; cargan todo o peso da inflación na cidadanía, aproveitando a alza para elevar tamén a marxe de beneficio por unidade produtiva, o que provoca un forte efecto de segunda rolda tanto na inflación subxacente, 5,5 %, como na xeral, 10,2 %. Ler máis
Asinado preacordo do convenio de comercio alimentación da Coruña, con aumento salarial e redución de xornada
A Federación de Servizos de CCOO informa do asinamento, o mércores, do preacordo que pon fin ao conflito no sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña. O convenio, cunha vixencia do 2022 ao 2025, recollerá importantes subas salariais —con revisión ligada ao IPC real— e redución da xornada laboral anual, entre outras importantes melloras de condicións. O texto tamén recolle cláusulas ligadas á desconexión dixital e á transición dixital, aspectos que cobran cada vez máis importancia.
En materia salarial, o preacordo recolle aumentos do 5 % para o presente ano 2022, do 4 % no 2023 e do 3 % para o 2024 e o 2025. Así mesmo, páctase unha revisión salarial conforme ao IPC real, cun tope do 2,5 % para este ano, do 2 % no 2023 e do 1 % nos dous últimos anos de vixencia do convenio.
Tamén se incorpora na redacción unha cláusula de rexistro de valores, para garantir a igualdade de salarios e complementos, co obxectivo de combater a fenda salarial.
A xornada anual redúcese en vinte horas, de 1812 a 1792. Isto faise mediante a aplicación de tres fins de semana de calidade, gozando un sábado libre cada cuadrimestre —excepto no mes de decembro—. Tamén se acorda fomentar a xornada continua, como mínimo para o 70 % do persoal da tempo completo por tenda.
Tamén se mellora o sistema de clasificación profesional, eliminando o grupo IV e cun grupo III con catro niveis e promoción automática de nivel cada tres anos, respectando antigüidades e experiencia acreditada.
Outras cláusulas que se asinan teñen a ver co aspecto dixital. Por unha banda, a de desconexión, para evitar continuas chamadas de teléfono ou mensaxes ao saír do centro de traballo. Pola outra, a transición dixital, para regular a afectación da dixitalización e da venda online, para evitar a perda de postos de traballo.
Finalmente, actualízase o contido en materia de xestación conforme a lexislación vixente e mellora a licenza retribuída no suposto de hospitalización, que é de catro días e poderase iniciar en calquera dos días que esta dure —e mesmo se poderá usar de maneira fraccionada.
CCOO denuncia a sobrecarga de traballo que padece o persoal de Quirón Prevención e esixe garantías para manter o poder adquisitivo dos salarios
CCOO, UGT e CSIF convocaron para o día de hoxe, 23 de xuño, unha folga de dúas horas en todos os centros de traballo de Quirón Prevención. Houbo, así mesmo, concentracións diante da empresa. Con este paro parcial esixen o desbloqueo da negociación do convenio colectivo, que, ademais de mellorar as condicións laborais, regule o teletraballo. Ademais o sector bate récords de beneficios.
CCOO esixe, tamén, que se tomen medidas ante a sobrecarga de traballo que padece o persoal e unha suba salarial que non poña en perigo o poder adquisitivo.
Concentración para esixir o desbloqueo do convenio de servizos de prevención alleos
Comisións Obreiras (CCOO) e UGT convocaron hoxe venres unha concentración na Coruña para esixir o desbloqueo do convenio colectivo de servizos de prevención alleos. Os sindicatos reproban a actitude das empresas no que respecta a mellorar as condicións laborais duns traballadores e traballadoras que son “imprescindibles” no modelo de prevención de riscos do noso país. A protesta tivo lugar diante do centro sanitario do Ventorrillo, situado no n.º 30 da rúa Pasteur.
CCOO sinala que este convenio leva tres anos “bloquedo unilateralmente” por parte das patronais ASPREN, ASPA e ANEPA. Malia que o sector “bate as súas marcas de beneficios”, vinte mil profesionais en todo o Estado continúan coas súas condicións laborais conxeladas.
Para CCOO, isto é “especialmente grave no caso dos salarios”, porque a situación provoca un “empobrecemento sistemático e continuado” dos cadros de persoal. Neste contexto, as patronais ofrecen subas entre o 1,3 e o 1,5 %, malia que a inflación pechou o ano pasado no 6,5 % e continúa subindo mes a mes.
No ámbito estatal, CCOO e UGT xa lles remitiron cartas aos grupos parlamentarios e entrevistáronse coa Dirección Xeral de Traballo á procura de solucións. Agora comeza un calendario de mobilizacións “que se intensificará no outono” se persiste o bloqueo, avanzan os sindicatos.
Nova reunión do convenio comercio alimentación de A Coruña
Nesta última reunión tratáronse os seguintes puntos:
Eliminación do grupo IV: A patronal propón un grupo 3 con 4 niveis, pero seguen querendo que a promoción, polo menos no primeiro nivel, sexa aos 4 anos.
CCOO non lle dá máis voltas, o período de promoción non pode superar o tres anos, como até agora.
Redución da xornada laboral. De 1812 horas anuais a 1798 horas anuais en dous anos e 2 fins de semana de calidade, un iniciaríase no 2023 e dous a partir de 2024.
CCOO expuxo que a xornada anual ten que baixar como mínimo a 1790 horas, que se podería facer con tres fins de semana de calidade libres, uns cada cuadrimestre.
Xornada Continua. Parece que por fin a patronal entende que hai un problema, pero presentan unha proposta tan aberta e con tantas condicións, QUE É INASUMIBLE.
CCOO lembra unha vez máis que a xornada partida penaliza o gasto de acudir ao centro de traballo e agora máis coa subida do combustible, que ademais xa se fai ou se fixo en pandemia e que non regular a xornada para evitar quendas partidas, só obedece a un capricho e a querer castigar ao persoal.
Incremento salarial: Mantén a proposta anterior de Incremento Salarial: 2022 - 2´75% 2023 - 2´5 % 2024 - 2´25% 2025 - 2´25% 2026 - 2 % 2027 - 2%
O IPC continúa subindo e parece que a patronal non entende os problemas do persoal para asumir os gastos que esta inflación disparada está a ter na súa economía. Mentres eles soben os prezos para manter os beneficios, NÓS/AS pagamos máis polos artigos co salario conxelado.
CCOO expuxo alto e claro que chegou a hora de que a patronal se implique na solución desta crise, que pense nas persoas traballadoras e presente unha subida de salarios digna, é o momento de pensar no persoal e se é á conta de recortar un pouco os seus beneficios, TEN QUE SER.