Archivado en Salario, Convocatorias, Unión Comarcal A Coruña, Sector Financeiro, Accion sindical

A empresa pretende aplicar unha cláusula que lle permite facer as subas á custa dos complementos retributivos

CCOO esixe unha suba salarial real no Banco Santander


Concentración revisión salarial Banco Santander

A protesta tivo lugar entre as 12 e as 13 horas fronte á oficina do Santander no Cantón Pequeno coruñés e foi simultánea a outras en Barcelona, Madrid, Sevilla e Bilbao.

CCOO lembra que no convenio da banca, asinado a comezos do 2021, pactáronse unhas subas anuais acordes coa situación do momento e «nada facía prever a crise de prezos que padecemos actualmente». De xeito excepcional, abriuse o observatorio sectorial do convenio, onde se constatou a desvalorización salarial e a perda de poder adquisitivo.

Froito destas conclusións, o 29 de novembro do 2022 reabriuse o convenio colectivo e acordouse modificar as táboas salariais do 2023, pasando dun incremento retributivo do 1,25 ao 4,5 %.

Desde ese momento, CCOO instou o Banco Santander e o resto de entidades a que ese incremento fose real para todo o persoal e non se aplicase a cláusula xeral de compensación e absorción, que faculta as empresas a absorberen estas actualizacións a aquelas persoas que teñen complementos voluntarios.

Entidades como o BBVA, o Sabadell ou Bankinter estableceron fórmulas para que o incremento fose real e para todo o seu persoal; non así o Santander, unha entidade que tivo un beneficio atribuído de 7316 millóns de euros nos primeiros nove meses do 2022, un 25 % máis ca no mesmo período do ano anterior.


Este artículo se publicó originalmente en GALICIA (Federación de Galicia) ,