CCOO logra toda a representación no primeiro comité provincial de Arenal Perfumerías en Lugo
Comisións Obreiras (CCOO) informa da vitoria do sindicato nas eleccións sindicais da rede de tendas de Arenal Perfumerías, que esta semana elixiu o seu primeiro comité de empresa provincial. A estas eleccións estaban chamados 145 traballadores e traballadoras dos 9 puntos de venda con que conta a compañía en Lugo —tamén dispón de tendas noutras provincias galegas e do resto do Estado.
Nestas eleccións sindicais, o 85 % das persoas que exerceron o dereito ao voto apostaron pola candidatura presentada por Comisións Obreiras, que deste xeito consegue a totalidade dos 9 delegados e delegadas do comité provincial.
Desde CCOO agradécenlles aos traballadores e traballadoras a confianza depositada nas súas siglas e salientan que «unha representación sindical forte, especialmente de Comisións Obreiras, é a garantía para a defensa dos dereitos laborais e a consecución de mellores condicións de traballo».
Oficinas e despachos de Pontevedra: Mexan por nós e din que chove
O pasado 7 de febreiro mantivemos a última reunión da negociación do convenio de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra, onde tan só se presentaron dúas persoas por parte da patronal xa que supostamente, ao non recibir unha proposta por escrito pola parte social, consideraban que non era necesaria a reunión.
CCOO trasladamos que a proposta de táboas salariais presentada na última reunión pola patronal nos podería servir como punto de partida para o ano 2023, actualizando previamente todas as categorías que estivesen por baixo do SMI e establecendo unha diferenza de 80€ entre categorías. A partir de aí poderiamos empezar a negociar a suba salarial para os próximos anos, pero sen tocar en ningún momento a antigüidade.
A sorpresa atopámola cando a CIG, sindicato que ten a maioría da representación SOCIAL na mesa, ofreceulle á patronal rebaixar a antigüidade a un 4% do salario base por trienio cun tope máximo do 40% (actualmente 5% por bienio cun tope do 60%). Para isto convocou no seu momento folga e mobilizacións, facéndolle perder diñeiro ao persoal?
O agasallo da CIG á patronal suporía unha perda económica e un enorme risco para os cadros de persoal no futuro. Lembremos que durante 12 anos non houbo interese por parte da patronal de negociar o convenio, e precisamente a antigüidade foi a que permitiu que os salarios subisen minimamente cada dous anos.
CCOO non está disposta a asinar un convenio que supoña unha perda de dereitos para o persoal do sector de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra.
Insuficiente proposta patronal no convenio de oficinas e despachos de Pontevedra
O 26 de xaneiro de 2024 mantivemos unha nova xuntanza donde a patronal presentou unha proposta de suba salarial dun 25% de actualización dos últimos 10 anos, acompañada da conxelación da antigüidade.
CCOO unha vez máis deixamos claro na mesa de negociación que non estamos dispostos/as a conxelar a antigüidade nin a aumentar o seu tope.
CCOO valoramos positivamente que por fin a patronal aporte unha proposta económica seria, sen embargo para CCOO a proposta da patronal ten que ser o punto de partida da negociación dos incrementos dos próximos anos. Como vimos defendendo dende o inicio da negociación, a primeira fase debía pasar por actualizar previamente o IPC dos últimos 10 anos, revisando todas aquelas categorías que estean por debaixo do SMI e a partir de aí negociar a suba salarial.
A próxima reunión será o día 7 de febreiro, donde deixaremos claro que dende CCOO valoramos a proposta da patronal como un punto de partida para negociar os incrementos dos vindeiros anos, pero sen tocar a antigüidade.
ÚLTIMA HORA!! Convenio de oficinas e despachos de Pontevedra
O 15 de xaneiro de 2024 retomouse a negociación do Convenio de Oficinas e Despachos da provincia de Pontevedra producíndose un fenómeno denominado O DÍA DA MARMOTA!
Una vez máis sentámonos a negociar e a patronal puxo enriba da mesa a conxelación da antigüidade sen traer unha proposta salarial seria.
CCOO unha vez máis deixamos claro na mesa de negociación que non estamos dispostos/as a conxelar a antigüidade e tampouco a día de hoxe aceptaríamos a proposta realizada pola CIG na mesa de modificar e aumentar o tope da antigüidade.
CCOO esiximos que a negociación debe pasar por actualizar previamente o IPC dos últimos 10 anos, revisando todas aquelas categorías que estean por debaixo do SMI e a partir de aí negociar a suba salarial.
A próxima reunión será o día 26 de xaneiro, donde esperamos que a patronal traia dunha vez por todas unha proposta seria que permita recuperar o poder adquisitivo perdido polo persoal do Convenio de Oficinas e Despachos de Pontevedra.
CCOO Servizos mobilizámonos en CIBERNOS BPO: Concentración en defensa de dereitos laborais e sindicais
CCOO Servizos anunciamos a convocatoria dunha concentración o próximo 8 de xaneiro, en horario de 11:30 a 12:30, fronte ás instalacións da empresa CIBERNOS BPO, situada no Polígono de A Grela, Rua Newton 1-3, A Coruña.
CIBERNOS BPO, dedicada á prestación de servizos de Contact Center, ten como principal cliente a galega R Telecomunicacións (grupo MasMovil), ademais de ofrecer servizos para outras empresas do grupo como Virgin Teleco.
Denuncias nos xulgados e Inspección de Traballo
Esta convocatoria enmárcase nunha serie de accións legais e sindicais emprendidas polo sindicato para denunciar a deterioración das condicións e relacións laborais na empresa. Dende hai tempo, denunciouse ante a Inspección de Traballo e os xulgados a preocupante limitación imposta pola empresa en asuntos cruciais como a conciliación da vida laboral e familiar. Tamén se denunciou o impedimento no goce de permisos retribuídos para o coidado de familiares enfermos ou hospitalizados, así como o incumprimento de acordos previamente asinados coa representación legal das persoas traballadoras.
Sanción ao traballo sindical
Un dos aspectos máis alarmantes é o intento de restrinxir o dereito á acción sindical por parte da empresa, que sancionou a tres delegadas sindicais de CCOO por exercer o seu crédito sindical. Estes feitos foron denunciados ante os xulgados en busca dunha rectificación xusta. Ademais, súmase á problemática a práctica inexistencia de comunicación por parte da empresa coa representación legal das persoas traballadoras, incumprindo de maneira constante o seu deber de información e consulta.
Visibilización do conflito
A concentración do 8 de xaneiro busca facer visible e sensibilizar á opinión pública sobre estas irregularidades laborais e sindicais, así como expresar o rexeitamento ás prácticas que atentan contra os dereitos fundamentais das persoas traballadores. O sindicato insta á empresa CIBERNOS BPO a rectificar e buscar solucións dialogadas que respecten os dereitos laborais e promovan un entorno laboral xusto e equitativo.