Archivado en Empleo, Convocatorias, Unión Comarcal A Coruña, Sector Financeiro

Convócase unha concentración o día 3 de febreiro diante de Palexco (Peirao de Transatlánticos, A Coruña)

Contra o abuso patronal en ABANCA. Non aos despedimentos


Xa comunicáramos que a dirección de Abanca decidira trasladar as relacións sindicais desde a negociación ao enfrontamento: o horario comercial incompatible co horario laboral, o rexistro de xornada, as convocatorias fóra de horario, ...
Nas últimas semanas, reforzáronse as agresións contra o persoal baixo o manto de "a potestade empresarial":
  • A asignación duns obxectivos comerciais para 2017 incompatibles coa evolución prevista dos mercados en que operamos e a nosa cota nos mesmos.
  • A arbitrariedade coa que se están producindo despedimentos e a posta "en seguimento" de varios compañeiros, ignorando as circunstancias laborais (baixas prolongadas, vacantes non cubertas) e rebaixando o logro de obxectivos ata que "din o que quero".
Todos estamos afectados e xa hai quen se encargou de propagar a mensaxe: "coidado co que fas que xa sabes o que está a pasar". Para a nosa desgraza, a estrutura de Abanca está trufada de "xefes tóxicos" que campan ás súas anchas, incapaces de dirixir de forma eficiente os seus equipos e dedicados a conservar a súa posición por encima de calquera cousa. Desexamos que lles chegue pronto o seu San Martiño.
Requirimos que se deixen sen efecto tanto os despedimentos como as postas "en seguimento"  e que ningunha medida se adopte sen a audiencia previa aos afectados. Ante a falta de resposta da dirección, os delegados de Comisións Obreiras concentrarémonos o vindeiro venres 3 de febreiro ante Palexco, o recinto en que se celebrará a convención comercial. O venres volveremos ouvir as milongas de sempre sobre o bo exercicio pechado e os esforzos que esixe o novo. Ao incorporarnos o luns ao traballo, volveremos ás advertencias veladas e á fustrigación habitual. Os responsables son quen toman as decisións pero desde Capital Humano son incapaces de embridalos, e por riba, a alta dirección aléntaos.
A situación merece unha resposta unánime do persoal. No pasado quedou demostrado que a nosa forza é a unidade, e que esta forza é suficiente para defender os nosos intereses e os nosos postos de traballo.