Acordo salarial convenio hostalaría Pontevedra

acordo salarial hostalaría Pontevedra

Co obxectivo de evitar atrasos derivados das dilacións nas negociacións, CCOO Servizos xunto con outras organizacións sindicais formalizamos esta mañá coa patronal un acordo exclusivamente centrado nos salarios para os anos 2022 e 2023. Comprometémonos a continuar as negociacións referentes ao texto do acordo e aos demais incrementos no mes de xaneiro de 2024.

O acordo contempla un incremento en táboas do 8% para os anos 2022 e 2023, ademais dunha paga lineal de 1.250€ proporcional a xornada e tempo traballado. Se a suma dos IPCs 2022-2023 é superior ao 8% de incrementos acordados, a diferenza terase en conta para a negociación de salarios de 2024.

acordo salarial hostalaría Pontevedra


CCOO Servizos esiximos á patronal axilidade para renovar o convenio da hostalaría de Pontevedra

CCOO-Servizos denunciamos a falta de interese da patronal de hostalaría da provincia de Pontevedra, que mantén o convenio caducado desde o 31 de decembro do 2021, hai xa case dous anos. Nnon podemos pasar outro Nadal sen regular as condicións de traballo no sector, especialmente nun momento en que os datos de ocupación están en máximos históricos.

Nunha conferencia de prensa que tivo lugar este luns en Vigo, os voceiros de CCOO, Jorge Carneiro e José Mirás, sinalaron que as patronais se queixan acotío da falta de persoal, cando ao mesmo tempo sorprenden «con declaracións ilegais e polémicas realizadas desde a patronal estatal, que defende xornadas escravistas de 12 horas diarias».

CCOO coida que cómpre «regular decontado» nun novo convenio as condicións de traballo, para o que lle reclama «axilidade» á patronal. O novo texto deberá incluír medidas para garantir a conciliación da vida persoal e a familiar, así como a mellora da cualificación profesional e dos salarios, para facer atractivas as condicións laborais do sector.

Precisamente, os baixos salarios, así como os incumprimentos en materia de xornada, os horarios que impiden a conciliación ou a falta de regulación das condicións dos fixos-descontinuos son algúns dos principais problemas.


CCOO esiximos mellores condicións laborais e unha aposta pola profesionalización para paliar a falta de man de obra na hostalaría

Rolda prensa HOSTALARÍA GALICIA

A falta de man de obra na hostalaría é unha queixa recorrente nas empresas e patronais do sector, especialmente nos períodos de maior demanda por mor do turismo. Fronte a isto, a Federación de Servizos de CCOO esiximos mellores condicións laborais, pois entendemos que é a razón de fondo que explica esta dificultade para contratar persoal cualificado. Así o expresou o sindicato nunha conferencia de prensa en que interviron Lucía Trenor, secretaria xeral de CCOO-Servizos; Juan Zas, secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos; José Mirás, responsable de hostalaría de CCOO-Servizos.

Catro son os factores principais que cómpre corrixir: política de contratacións, conciliación da vida persoal e laboral, salarios e competencia desleal.

Contratación

A reforma laboral contribuíu a unha «leve mellora» na temporalidade dos contratos de traballo no sector, explica CCOO, cunha taxa do 6 % no subsector dos servizos de aloxamento, pero con cifras do 20 % no resto da hostalaría e restauración. Ao tempo, aumentan os contratos a xornada parcial, con cifras dun 24 % no sector do servizo de aloxamento, «moi por riba da estatal, dun 10,3 %», chegando ao 36 % na restauración.

Conciliación

Os excesos nas xornadas intensivas de traballo, o continuo cambio de quendas horarias e calendarios e o incumprimento dos descansos legais «xeran un grave problema de conciliación» da vida laboral e persoal. De feito, é un dos principais motivos de consultas e reclamacións que canaliza CCOO-Servizos no sector.

Remuneracións

En Galicia hai catro convenios provinciais con condicións moi dispares, tamén no que respecta aos salarios. Por exemplo, as retribucións recollidas no convenio provincial de Lugo para o posto de recepcionista son case 126 euros menores á mesma categoría na Coruña, diferenza que chega aos 136 entre unha camareira de piso de Pontevedra respecto dunha coruñesa.

Actualmente, o convenio de Pontevedra está en plena negociación, mentres que en Lugo «os salarios non son atractivos para quen poida estar interesado en traballar no sector».

Competencia desleal e masificación

Doutra banda, CCOO salienta os problemas derivados da afluencia masiva de turistas e a «competencia desleal e negativa» dos pisos de alugamento turístico, que no último ano aumentaron en Galicia case un 16 %, máis do dobre ca a media estatal (7 %). En concreto, pasouse de 12.695 a 14.775 na comunidade autónoma, mentres no Estado o aumento foi de 285.868 a 305.136.


CCOO desmente que en España falte persoal para traballar na Hostalaría, o que faltan son condicións de traballo dignas e mellores salarios

persoal hostalaría

Para CCOO Servizos, en España hai suficiente e cualificada man de obra no sector de Hostalaría, as dificultades esgrimidas polas patronais son debidas á precariedade, os baixos salarios e as deficientes condicións laborais (quendas partidas, dificultade conciliación vida laboral e familiar, nin tan sequera un fin de semana de descanso ao mes).

Hai moitas persoas que abandonan a profesión e optan por traballar noutros sectores. Ler máis


Asinado o novo convenio provincial da hostalaría da Coruña

convenio hostalaría coruña

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia informa do asinamento do convenio colectivo da hostalaría da provincia da Coruña. O sindicato salienta que este convenio permite mellorar os salarios, cunha suba do 11,75 % durante a vixencia do texto. Tamén inclúe melloras para a conciliación da vida familiar e laboral, en materia de formación e tamén no tocante á contratación, coa transformación de contratos a tempo parcial noutros a tempo completo.

O novo convenio ten vixencia ata o 2024 e inclúe unha suba salarial para este ano do 4%, do 3,75% para o 2023 e do 4% no derradeiro ano de vixencia. Para este ano prevese o pagamento de atrasos con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro, que se deberán aboar antes de marzo do 2023. Se o IPC acumulado durante a vixencia do convenio supera o 11,75%, axustarase nas táboas salariais do ano 2025 co 50% da diferenza.

Contratación e condicións laborais

En materia de contratación, os fixos-descontinuos terán un chamamento mínimo de cinco meses, cun preaviso de dez días. Haberá posibilidade de consolidcación do 50% se superan os cinco meses en dous anos. Estas mesmas condicións esténdense aos contratos a tempo parcial, cun mínimo de catro horas de xornada diaria e vinte de semanal.

Asemade, os contratos indefinidos deberán representar, polo menos, o 65% dos rexistrados na empresa.

Dereito á desconexión

As empresas non poderán enviar mensaxes ou correos profesionais fóra do horario laboral agás en casos de urxencia e non poderá haber sancións polo feito de non atender as citadas comunicacións.

Formación

Establécese un complemento de vinte euros mensuais para cada persoa traballadora en empresas que non acrediten impartir formación nas condicións que establece o convenio.

Camareiras de piso e repartidores

Por outra parte, a partir do 1 de abril do vindeiro ano, á categoría de camareiro ou camareira de piso aplicaráselle a regulación establecida no artigo 42.6 do Estatuto dos traballadores —de aplicación para as empresas contratistas e subcontratistas.

Así mesmo, nas empresas onde as persoas traballadoras fagan reparto a domicilio en vehículo, aplicaráselles o convenio de hostalaría da provincia da Coruña.


Concentración polo convenio do Hostal dos Reis Católicos, vencido desde o 2010

concentración convenio hostal reis católicos

O persoal deste establecemento hostaleiro de Santiago de Compostela vén reivindicando a sinatura dun novo convenio desde o ano 2010, data na que caducou a súa vixencia.

Despois de moito tempo de negociacións xa é a segunda vez que se chega a un preacordo, porén, a empresa non materializa a súa sinatura e polo tanto non é aplicable o texto acordado.

Despois de moitas reunións, mobilizacións, folgas, mediacións e arbitraxes, o persoal do Hostal concentrouse diante dos xulgados para demandar ante a xustiza que se publique o convenio e se incrementen os salarios, conxelados desde o seu vencemento.


Salud Laboral

Dudas y preguntas sobre Salud Laboral. Trabaja de manera segura.

Transparencia CCOO

Portal Transparencia Servicios CCOO: Cuentas, documentación, decisiones

Calendario Laboral Calendario Laboral 2015
Guía derechos de trabajadores y trabajadoras Guía de los derechos de trabajadores y trabajadoras en la empresa. Tambien puedes consultar los Efectos de la Reforma Laboral sobre los derechos de los trabajador
Consulta sobre pensiones
Consultas sobre pensiones